[15-10-2016] O Concello de Ames acaba de aprobar, en Xunta de Goberno Local, a concesión das axudas relativas á promoción das actividades culturais e á organización de festexos tradicionais. Despois de resolver as solicitudes presentadas, o goberno municipal aprobou o reparto de 40.000 euros entre 21 asociacións culturais e 23.000 euros entre 8 comisións de festas. A partida destinada á promoción das actividades culturais esgotouse integramente. Antes da aprobación destas convocatorias de axudas abriuse un proceso participativo, para que a veciñanza puidera facer as súas achegas e mellorar estas liñas de axudas, que neste exercicio incluíron varias modificacións.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “a Xunta de Goberno Local acaba de aprobar o reparto de 63.000 euros entre as asociacións culturais e as comisións de festas do concello. Este reparto realizouse acorde a unhas novas bases que foron adaptadas á realidade e ás necesidades das asociacións e comisións de festas. Incrementamos un 10% o importe subvencionable para actividades culturais e duplicamos o importe asignado a festas nas parroquias de menos de 500 habitantes”.
Santomil engadiu que “como resultado da modificación das bases incrementouse o número de solicitudes e mailo número de entidades locais subvencionadas. O goberno municipal reforza deste xeito as liñas de subvención de concorrencia competitiva e os criterios obxectivos, reducindo os contratos nominativos que son susceptibles de intencionalidade política”.
Para a promoción de festas tradicionais celebradas no exercicio 2016 concedéronse un total de 23.000 euros que irán parar as arcas de 8 asociacións e comisións de festas. Na convocatoria destas axudas introducíronse unha serie de modificacións. Deste xeito, realizouse unha actualización do censo de habitantes das parroquias e estableceuse unha nova distribución para facilitar as achegas ás parroquias con menos poboación, duplicando o importe asignado de 500 e 1.000 euros, aplicable ás parroquias de menos de 500 habitantes. Nas parroquias de tamaño medio, de ata 3.000 habitantes, o importe ascendeu a 2.500 euros, o que supuxo un incremento do 25% en relación a anteriores convocatorias, e nos núcleos urbanos de Milladoiro e Bertamiráns, incrementouse ata un máximo de 8.000 euros.
Para a realización de actividades culturais concedéronse 40.000 euros, repartidos entre un total de 21 asociacións culturais municipais. Deste xeito, esgotouse toda a partida dedicada a esta liña de axudas. Ao igual que no caso anterior nesta convocatoria de subvencións introducíronse varias modificacións. O principal cambio foi que se incrementou o importe subvencionable ata o 80%, de xeito que o Concello pode financiar 8 de cada 10 euros investidos polas asociacións culturais. Isto supuxo un incremento do 10% en relación ás convocatorias de anos anteriores.
En ambas convocatorias reduciuse o importe mínimo a xustificar do 50% ao 30%, de maneira que as asociacións que non puideron realizar a actividade prevista na súa totalidade, poden percibir igualmente a subvención sempre que se xustifique cando menos unha terceira parte do proxecto solicitado, coa minoración correspondente.




