Pestanas principais

Apróbase o reparto de 51.000 euros entre as asociacións culturais e as comisións de festas de Ames

Venres, 23 de outubro de 2020

O Concello de Ames acaba de aprobar, en Xunta de Goberno Local, a concesión das axudas relativas á promoción das actividades culturais e á organización de festexos tradicionais. Despois de resolver as solicitudes presentadas, o goberno municipal aprobou o reparto de 30.000 euros entre 14 asociacións culturais e 21.000 euros entre 5 asociacións e comisións de festas. A estas subvencións puideron optar todas as asociacións culturais ou veciñais do concello de Ames que realizan actividades de índole cultural e festas tradicionais. Amplíase o  prazo de xustificación, é dicir, as asociacións que aínda non presentaron a xustificación teñen ata o 16 de novembro para facelo.

A Xunta de Goberno Local aprobou o reparto de 51.000 euros entre as asociacións culturais e as comisións de festas do concello. Para a realización de actividades levadas a cabo por parte de asociacións culturais durante o exercicio 2019 destinouse un total de 30.000 euros. A estas subvencións, puideron optar todas as asociacións culturais ou veciñais do concello de Ames, que realizaran actividades de índole cultural. As asociacións que cumpriron as condicións obtiveron ata un máximo do 80% do orzamento total das actividades de índole cultural desenvolvidas, así como da adquisición de material inventariable. O importe individual das achegas concedidas non superou os 7.500 euros.

Os obxectivos desta liña de axudas son achegar a cultura á veciñanza, a creación e mantemento dunha vida cultural estable dentro do ámbito territorial do concello de Ames e a promoción da participación activa da veciñanza amesá en actividades de índole cultural, que presentan un claro interese público.

Deste xeito, as entidades que se beneficiaron da concesión desta axudas foron o Centro Cultural a Mahía, con 2.200 euros; a Asociación de Veciños San Pedro de Bugallido, con 1.053 euros; a Asociación Recreativa Deportiva e Cultural Lojo Batalla, cun importe de 2.000 euros; así como a Asociación Cultural Follas Novas, con 1.147 euros.

Outras asociacións culturais que recibiron axudas foron á de Alfombristas San Xoanciño, cun importe de 704 euros; a de Antonio Santomil, 2.000 euros; o Coro Son Elas recibiu 3.406 euros; a Asociación de Veciños Monte do Crego, 797 euros; e a Asociación Veciñal de Covas, con 749 euros.

Por último, O Goberno Local repartiu subvencións entre a Asociación Cultural Retranqueiros, 2.740 euros; a de Os Castros, 6.136 euros; a Asociación Educativa Cultural Musicrearte, que recibiu 1.099 euros; a Nova Escola Galega, 5.393 euros; e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, que recibiu 544 euros.

Asociacións e comisións de festas
Por outra banda, aprobouse o reparto de 21.000 euros que irán parar as arcas de 5 asociacións e comisións de festas. As asociacións que se beneficiarían destas axudas serían a de veciños San Pedro de Bugallido, que recibiu 2.500 euros; e a de Recreativos Cultural de Ameixenda, cunha concesión de 1.000 euros. 

Por outro lado, as outras tres entidades que conseguiron estas axudas foron a Asociación Sociocultural Mulleres San Xoán de Ortoño, 8.250 euros; a Asociación Cultural Comisión de Festas San Lourenzo de Agrón, 1.000 euros; e a Asociación de Festas do Milladoiro, 8.250 euros.

Amplíase o prazo de xustificación
O prazo estipulado nun primeiro momento para que as entidades entregasen as xustificacións dos seus gastos, remataba o 31 de outubro de 2020. Non obstante, o Concello decidiu amplíalo. Deste xeito, as asociación culturais e as comisións de festas de Ames terán ata o luns 16 de novembro para facer o trámite de xustificación.

Praza do Concello.