[01-03-2017] O goberno municipal vén de aprobar en Xunta de Goberno Local o reparto de 3.992,77 euros en axudas para a adquisición de material escolar. Esta convocatoria está dirixida ás familias amesás con fillos ou fillas en segundo ciclo de educación infantil no curso 2016-2017. Esta contía será repartida entre 65 familias que cumpriron cos requisitos que figuran nas bases de dita convocatoria. As contías a entregar ao abeiro desta convocatoria non poden superar os 120 euros por alumno ou alumna.
O pasado 22 de setembro de 2016 a Xunta de Goberno Local aprobou as bases da convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinados a alumnado de segundo ciclo de educación infantil no curso 2016-2017. Unha vez examinada a documentación xustificativa e vista a proposta feita pola Concellaría de Educación e Cultura e a fiscalización de conformidade favorable da Intervención municipal, a Xunta de Goberno Local aprobou por unanimidade, o reparto de 3.992,77 euros, entre 65 familias que presentaron a solicitude a dita convocatoria de axudas.
A estas xudas puideron optar as familias empadroadas e que residen de modo efectivo no concello de Ames no momento da solicitude. Ademais, as/os alumnas/os para os que se solicita as axudas deben estar matriculados no curso escolar 2016/2017 en centros de ensino sostidos con fondos públicos no nivel de educación infantil (2ª etapa, de 3 a 5 anos); e a renda per cápita da unidade familiar, computando os ingresos percibidos por todos os seus integrantes no exercicio 2015, non pode ser superior ao 100 % do IPREM anual con pagas extras fixado para o exercicio 2015 na cantidade de 7.455,14 euros.
As contías a entregar ao abeiro desta convocatoria non poden superar os 120 euros por alumno ou alumna. As axudas teñen límites económicos por alumno/a que se establecen nas bases da convocatoria. Deste xeito, as unidades familiares cunha renda per cápita de menos do 50% do IPREM reciben un importe máximo de axuda de 120 euros; as que contan cunha renda per cápita do 50% ata o 75% do IPREM, reciben 100 euros, e para as unidades familiares con renda per cápita do 75% ao 100% do IPREM a axuda é de 80 euros.





