[13-05-2017] O goberno municipal aprobou de xeito definitivo, en Xunta de Goberno Local, o proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable S-15 “Travesía do Porto Sur” do PXOM, presentado por un particular en representación da Xunta de Compensación. Dito proxecto foi aprobado de xeito provisional en decembro de 2016 e foi sometido a exposición pública. Unha vez superado este trámite, a aprobación definitiva permite que nas vindeiras semanas o goberno municipal poida conceder a licenza de obra para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Ademais, no pleno ordinario deste mes debaterase a aprobación, se procede, da declaración das obras de construción do novo centro de saúde como de "especial interese" para que así poida terse unha bonificación do 95% do ICIO.
A Xunta de Goberno Local vén de darlle luz verde á aprobación definitiva do proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable S-15 “Travesía do Porto Sur” do PXOM. O plan parcial do S-15, que conta cunha superficie total de 52.004 metros cadrados, permitirá dispor nesta zona dunha parcela de máis de 8.000 metros cadrados para usos dotacionais. O plan parcial mantén substancialmente a ordenación e redacción obxecto de tramitacións anteriores, incorporando variacións que son consecuencia dos cambios normativos. Durante as vindeiras semanas notificaralle a todos os propietarios/as que teñen parcelas neste sector do S-15 o devandito acordo.
A aprobación deste proxecto está suxeito a unha serie de condicións, que foron fixadas previamente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, relativas a homoxeneidade nos materiais e vexetación para a execución das obras nas beirarrúas que coinciden co trazado do Camiño Portugués e para as construcións anexas ás redes de instalacións. Neste senso o proxecto redactado recentemente sobre a urbanización da beirarrúa oeste da Travesía do Porto e acceso ao parque público e ao instituto desta localidade (treito Rúa do Buxo- aparcadoiro do centro de saúde) servirá de moelo para establecer a continuidade da rúa, xa que este documento acadou os informes favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Secretaria Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
En dito proxecto márcanse as pautas e mailas condicións que haberá que ter en contra á hora de executar obras dentro deste ámbito urbanizable recollido no PXOM. Tamén se recollen condicións sobre a integración ambiental e de control arqueolóxico para os movementos de terras. Deste xeito, dentro do proxecto de urbanización recóllense as obras de ampliación de vías preexistentes contidas parcialmente no seu perímetro segundo as aliñacións contidas tanto no PXOM coma no plan parcial (ao norte a rúa Cruxa, ao sur a rúa dos Cereixos, ao leste as rúas Agro da Madalena e Agro do Medio e por último na zona oeste o sector que recolle un tramo da Travesía do Porto, particularmente á beira fronte ás instalacións municipais culturais, deportivas e zonas verdes preexistentes).
Apertura de novos viarios
Ademais, prevé a apertura dunha vía principal de nova apertura que dará continuidade á rúa das Camelias de trazado ostensiblemente perpendicular á rúa dos Cereixos e que remata nun espazo que virá a completar o espazo de conexión xerado entre as rúas Cruxa e Agro do Medio, que na actualidade está adicado en gran parte a zona de aparcamento. O proxecto define tamén as obras para apertura e execución de dúas vías de menores dimensións e tráfico mixto, rodado restrinxido que conectan a rúa Agro da Madalena coa Travesía de Porto. Por último dispón o acondicionamento da zona verde definida no plan parcial que de xeito lonxitudinal enlaza a rúa Agro do Medio coa zona verde das piscinas públicas cun tránsito de sendeiros peonís.
O proxecto contempla as obras necesarias para executar os viarios e as zonas verdes contidas no sector S-15 que acadan un orzamento (PEM) de 1.646.855,31euros. Isto supón a obriga de garantir a correcta execución das previsións nun importe de 164.685,53 euros nun prazo de seis meses dende a aprobación definitiva do sector, sen detrimento doutras obrigas que se poidan desprender do establecido no plan parcial (participación no aparcamento baixo rasante en función do número de prazas previsto e nas infraestruturas xerais de saneamento e abastecemento).
Centro de saúde do Milladoiro
Neste sector de urbanización do Milladoiro é onde se situará o futuro centro de saúde desta localidade, para o cal se asinou un convenio de cooperación co Servizo Galego de Saúde no pasado mes de setembro. Hai que recordar que o pasado 26 de febreiro de 2009 o Concello de Ames cedeu de forma gratuíta en escritura pública ao Servizo Galego de Saúde, a parcela DP2 situada no sector de terreo urbanizable denominado S-15 “Travesía do Porto Sur”, cunha superficie de 5.002 metros destinado á construción dun centro de saúde.
Unha vez aprobado de xeito definitivo dito proxecto o goberno municipal municipal poderá conceder a licenza de obra para a construción deste equipamento tan necesario para a localidade do Milladoiro. Dende o SERGAS deberán aboar as taxas correspondentes ao ICIO e á licenza de obra. Para iso está previsto que no pleno ordinario deste mes se aprobe, se procede, a declaración das obras de construción do novo centro de saúde como de "especial interese" para que así poida terse unha bonificación do 95% do ICIO.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Vía libre para dar la licencia del nuevo centro de salud de Milladoiro"




