Pestanas principais

Apróbase o presuposto do exercicio de 2012

Venres, 31 de agosto de 2012

[31-08-2012] A corporación municipal doulle luz verde ao presuposto de 2012. O documento económico onde se recollen os ingresos e gastos previstos para este exercicio foi aprobado por maioría absoluta. Os votos a favor dos once concelleiros/as do grupo popular permiten a aprobación inicial do orzamento municipal de 2012. Os concelleiros/as do grupo socialista e Ames Novo negáronse a debater e votar o presuposto porque supostamente vulneráronse os seus dereitos ao retirar as emendas presentadas no pasado pleno de xullo. Ademais, aprobouse por maioría absoluta o convenio de colaboración entre os concellos de Ames e Brión para a xestión compartida do obradoiro de emprego Encontro verde.

O Concello de Ames elaborou un orzamento municipal para o ano 2012 realista e adaptado á actual conxuntura económica, no que se mantén o gasto social, xa que o Goberno é consciente da complicada situación que atravesan moitas familias amienses. O orzamento, que prevé uns gastos de 23.063.225,82 millóns de euros e uns ingresos de 23.576.370 millóns, foi aprobado por maioría absoluta este xoves, 31 de agosto, no pleno ordinario de agosto. Deste xeito, o presuposto inclúe un superávit de 513.144 euros, o que supón dar cumprimento ao previsto no Plan de Axuste e permitirá compensar o déficit derivado da xestión anterior.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que as contas do Concello son “realistas, prudentes e adaptadas á conxuntura económica actual”. “A incerteza económica e financeira na que vivimos condiciona como nunca os presupostos municipais, polo que debemos actuar coa máxima cautela e contención, nun escenario descoñecido para todos”, engade.

Con todo, Amor manifesta o seu “compromiso irrenunciable cos máis débiles”, de aí que o esforzo se faga especialmente na partida social. “Cada vez hai máis familias onde se produce unha diminución significativa de ingresos, así como casos de primeira necesidade, polo que todos debemos mirar por elas; e o Concello quere estar do seu lado en todo o que poidamos”, asegura o rexedor.

Na actual conxuntura económica, o Concello de Ames mantén a súa aposta por aqueles colectivos e sectores que máis dificultades están atravesando. Deste xeito, nos orzamentos inclúense partidas de preto de 386.000 euros para axudas de servizos sociais e promoción social. O Goberno amiense tamén presta un especial apoio ao emprego e ao tecido empresarial, xa que o orzamento prevé máis de 176.560 euros para actividades que incidan directamente no fomento do emprego e do comercio local. Nesta liña, destaca o apoio que se prestará ás asociacións de comerciantes do municipio, ás que se destinarán máis de 72.500 euros en subvencións.

Tamén se garante a continuidade das convocatorias de axudas, das que se beneficiarán, un ano máis, e entre outras, as familias numerosas, as ANPAS dos centros de ensino, os solicitantes de axudas para a compra de material escolar, entidades culturais e deportivas, o comercio local, a mocidade e os usuarios do transporte público.

Este orzamento permitirá seguir prestando servizos educativos e de carácter social como o da rede de comedores escolares cun custo menor para o Concello, grazas á introdución do concepto de progresividade que permite manter, mellorar e facer máis accesibles as medidas de conciliación nas que Ames é un exemplo. Ademais, o presuposto garante a posta en marcha da segunda fase da administración electrónica. O orzamento deseñado polo Concello tamén garante o mantemento de infraestruturas viarias no rural de Ames.

Investimentos

Nos orzamentos deseñados polo Concello de Ames destaca a partida de 2.740.547 millóns de euros destinados aos investimentos reais, que inclúen obras e inversións en todos os eidos da xestión municipal. O esforzo inversor céntrase no saneamento, abastecemento e distribución de augas, nos traballos de mellora en vías públicas e estradas, no fomento do emprego, na mellora de infraestruturas e no mantemento e mellora da rede de centros escolares.

Neste capítulo inclúese, entre moitos outros, os investimentos consignados á reparación do firme e pintado da Travesía do Porto ou os destinados á compra de terreos para a potabilizadora Ames-Brión. No eido da educación, sobresaen os 139.763 euros consignados para o acondicionamento da Biblioteca Municipal do Milladoiro e entre os investimentos previstos en camiños veciñais destacan a segunda fase da pavimentación interior en Lapido, as obras de actuación de minoración de afección das avenidas do Rego dos Pasos en Bertamiráns, e o acondicionamento e os traballos de mellora en varias pistas do municipio.

Ademais, no orzamento de 2012 consígnase unha partida para o alumeado público de Nadal, unha partida que nas anteriores contas quedara sen orzamento, xa que se desviara a partida destinada a este fin a outros pagos.

Un orzamento realista

Unha boa mostra de que se trata dun orzamento municipal realista é que, por exemplo, os ingresos derivados do Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), que no orzamento de 2010 ascendían a 2,4 millóns de euros redúcense ata os 240.000 euros. Esta redución, do 90%, vén derivada da situación actual do mercado inmobiliario (que xa era moi desfavorable no 2010) e, fundamentalmente, de que a previsión das últimas contas non respondía a unha estimación fiable e fundamentada. De feito, os dereitos netos liquidados por este concepto resultaron tan só de 700.000 euros, algo que incidiu moi negativamente sobre a liquidación do 2010 e que, con toda seguridade, se repetirá na de 2011.

Obradoiro de emprego Encontro verde

Ademais, aprobouse por maioría absoluta, cos votos a favor dos once concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular e coa abstención dos nove concelleiros/as do grupo socialista e os non adscritos, o convenio de colaboración entre os concellos de Ames e Brión para a xestión compartida do obradoiro de emprego Encontro verde.

Segundo explicou o concelleiro de Promoción Económica e Traballo, Bernardo Moar, este obradoiro de emprego permitirá crear 43 novos empregos a través de dous obradoiros formativos. Un trataría sobre a instalación e mantemento de xardíns, no que participarían 20 persoas, e outro versaría sobre a atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, no que participarían 15 persoas. Unha vez aprobado este convenio en ambos os dous Concellos, agora haberá que solicitarlle á Consellería de Traballo e Benestar unha subvención, que ascende a contía de 359.182,71 euros, para poder desenvolver este proxecto. A través desta axuda financiaríase a maior parte do proxecto xa que os Concellos asumirían un investimento de 50.602 euros, dos cales o Concello de Ames achegaría o 83% e o Concello de Brión o 17% restante.

Outro dos puntos que se aprobou no pleno ordinario de agosto foi a elección da xuíza de paz substituta do Concello de Ames, Dolores Cardelle Leis. Este punto foi aprobado por unanimidade de toda a corporación. A fixación dos festivos locais para o próximo ano tamén foi aprobada por unanimidade. Deste xeito, establécense como festivos locais para o ano 2013, o 19 de marzo (día de San Xosé) e o 9 de maio (día da Ascensión). Por último aprobouse por maioría absoluta, cos votos a favor dos membros do grupo municipal popular, a participación do Concello de Ames no Plan DTC-94 da Deputación da Coruña. A través deste plan o Concello recibirá 393.728 euros que destinará a gasto corrente.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Un taller de empleo levanta la polémica en el pleno de Ames"
Radio Obradoiro: "Entrevista co rexedor en Radio Obradoiro"
El Correo Gallego: "El presupuesto enfrentó a los ediles y a la vecindad amiense"