Pestanas principais

Apróbase o Plan de medidas preventivas mediante a plantación de frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa

Venres, 05 de xaneiro de 2018

[05-01-2018] O Concello de Ames vén de aprobar en pleno o Plan de medidas preventivas mediante a plantación de frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa co obxectivo de darlle maior estabilidade ao longo dos vindeiros anos. Dito plan comezou en 2016 na parroquia de Piñeiro. Agora daráselle continuidade rematando as actuacións previstas en Piñeiro e continuando por Mercuto e Aldea Nova. O devandito plan, que foi enviado á FEGAMP e ao Parlamento Galego para que se teña en conta de cara ao estudio dunha nova política municipal forestal, pódese consultar no Portal da transparencia da web municipal ou premendo na ligazón que está a túa dereita, debaixo do apartado de descargas.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de Prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece as redes de faixas secundarias de xestión de biomasa como unha das medidas preventivas que faciliten a loita contra o lume. Con posterioridade a lei 7/2012 de Montes de Galicia modificou a anchura das faixas e determinadas distancias pero mantívose o concepto de faixa secundaria e os criterios de xestión de biomasa xa establecidos. Segundo a última revisión dos datos incluídos Plan municipal de defensa fronte incendios forestais do Concello de Ames, o municipio amesán conta cun total de 496,53 hectáreas onde, segundo a normativa vixente, é obrigado que se cumpran os criterios de xestión da biomasa e en máis da metade deixar libre das especies pirófitas da disposición transitoria terceira. Tendo en conta que a superficie total do concello de Ames e de 9.400 hectáreas as 496,17 ha a xestionar supoñen un 5,3 % do total e un 13,2 % da superficie forestal total.

O plan de medidas preventivas mediante a repoboación con frondosas caducifolias do concello de Ames nace ca finalidade de poñer en mans dos veciños, unha vez cumprida a lei, unha ferramenta que lles permita repoboar a súas fincas colaborando ao tempo ca prevención de incendios e evitando a diminución drástica da superficie arborada do concello e a conseguinte perdida de diversidade. Un dos obxectivos que se persegue coa posta en marcha deste plan son a posta en valor dun terreo non explotable forestalmente e no que está prohibida a plantación de especies de crecemento rápido que adoitan ser empregadas pola maioría de propietarios particulares. Tamén se pretende realizar un control e inhibición do monte baixo, provocado pola ausencia de luz, xerado, por unha parte, pola cobertura total das copas das especies frondosas e a cobertura total do chan das follas desprendidas polas especies frondosas caducifolias.

O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, destaca que “a través das accións propostas no devandito Plan obteranse aproveitamentos non madeireiros como os cogomelos ou a froita; beneficios medioambientais como o incremento da diversidade, equilibrio de hábitat; protección do solo, fixación do carbono atmosférico, protección fronte a especies invasoras; beneficios sociais e beneficios económicos. Ademais, preténdese reverter a percepción negativa que adoita ter a execución das obrigas legais de medidas preventivas relacionadas coa propiedade de terreos de carácter forestal, facilitando a mobilización de condutas que incidan na xestión sostible do medio, e incidindo en recuperar actitudes motivadas en relación co entorno máis inmediato”.

No ano 2016, a revisión do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais estruturou ao concello en 59 ámbitos de protección de núcleos de poboación e 45 ámbitos de protección a vivendas, edificacións e infraestruturas illadas. Estes ámbitos están protexidos por unha faixa que os circunda de 50 metros onde a biomasa debe ser xestionada. Esta nova ferramenta de definición de faixas de protección fronte a incendios forestais reflicte que a diseminación das actuacións recollidas no anterior plan eran pouco eficaces. O novo plan pretende levar a cabo a plantación de frondosas caducifolias en toda a rede de faixas de protección contra os incendios forestais en todo o Concello.

O alcalde de Ames, José Miñones, resalta “a importancia da aposta que realiza o Concello de Ames con este plan de prevención, priorizando estes traballos sobre as labores de extinción”. Asemade, lamenta que “a Consellería de Medio Rural non participase na consecución desta iniciativa para estendela a outros concellos galegos”.

59 ámbitos de actuación
Dos 59 ámbitos que figuran no devandito Plan seleccionáronse 10 ámbitos prioritarios que son o 4A/B (urbanización de Aldea Nova/edificacións Illadas de Aldea Nova); 6 (Quistiláns e Costoia); 8 (Castiñeiro do Lobo); 9 (Ventosa); 10 (A Condomiña, A Tarroeira, As Punxeiras altas e As Punxeiras baixas); 18/27 (Rúa, San Mamede, Covas, Balindo, Fernande e Villaverde); 32 (Lens); 34 (Cruxeiras) e 59 (polígono industrial do Milladoiro). Deste xeito, o Concello de Ames priorizará o fomento de plantación de frondosas caducifolias naquelas parcelas tipificadas como de perigo alto o moi alto así como a distancia ou distancias onde segundo a lexislación vixente sexa preciso a eliminación de arborado. O execución de dito Plan está dividido en diversas fases. Así, elixiuse como primeira actuación no outono/inverno 2016/2017 os ámbitos 18 e 27: Rúa, San Mamede, Covas, Balindo, Fernande e Vilaverde o que supuxo a fase experimental desta actuación.

A segunda fase do plan municipal de prevención de incendios forestais do Concello de Ames dá continuidade á experiencia piloto do ano pasado e na que se conseguiu actuar sobre 37 parcelas no núcleo de Piñeiro, cubrindo un total de 19.374 metros cadrados. O número total de plantas que se lograron establecer na primeira fase foi de 815, gracias aos 37 convenios asinados entre 33 propietarios implicados e o Concello de Ames, cun financiamento do 80% por parte da Administración local nas actuacións de limpeza, tala e plantación. A revisión das plantacións levadas a cabo no ano 2017 deixa un balance moi positivo, cun porcentaxe de éxito no crecemento das árbores do 97,2%.

O Concello vén de elixir os ámbitos forestais que se incluirán dentro da anualidade 2017-2018. As labores de prevención comezarán por rematar o ámbito 18 de Piñeiro do ano pasado, onde xa se conta con 6 fincas onde se vai a desenvolver este plan. Para iso xa están asinados os convenios cos propietarios/as destas 6 parcelas e os traballos previos xa están realizados. Tamén se actuará no ámbito 27 de Piñeiro (en 83 fincas onde os traballos están pendentes de comezar) que conta cunha superficie de 3,5 hectáreas. Un ámbito novo será o de Mercuto, onde se situará unha pequena faixa de 6 fincas, de rápida actuación e de resultados inmediatos.

Na segunda fase tamén se actuará nun dos ámbitos prioritarios que é o de Aldea Nova, catalogado no estudio previo como de alto risco. Este ámbito forestal está dividido en dous: 4A e 4B. O 4A comprende parte da urbanización de Aldea Nova, mentres que o 4B son as edificacións illadas que aglutinan talleres, concesionarios e gasolineira da zona. O número de fincas forestais que se verán afectadas neste ámbito é de 75, mentres que as urbanas sitúanse en torno ás 55.

Actuarase en 235 parcelas coa plantación de 4.200 árbores
En total a segunda fase do plan de repoboación pretende alcanzar a cifra de 235 parcelas, para o que o Concello xestionará a compra de árbores suficientes de cara a contar coas especies máis eficaces de cara á plantación. Deste xeito, continuarase coa repoboación de árbores frondosas-caducifolias (castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras) que se plantarán tendo en conta as distancias indicadas na lei segundo a proximidade de casas, estradas, etc.

Na segunda fase está previsto actuar en 14 hectáreas coa plantación de 4.200 árbores frondosas caducifolias. Deste xeito, ademais de crear unha barreira natural contra o lume, mellorase a calidade do chan e dáselle un forte impulso ao aumento da biodiversidade que sofre unha forte merma nos terreos de monocultivo de coníferas e eucaliptais. As plantacións desenvolveranse ao longo dos meses de xaneiro e febreiro, tal e como aconteceu o ano pasado.

51.000 euros para a segunda fase
Ademais, o Concello dispón dunha brigada, composta por un responsable de brigada e dous peóns, que se encargan dos traballos da segunda fase deste plan. O Concello asume o custe da contratación deste persoal, que ronda os 27.000 euros, por un período de catro meses. A este importe hai que engadirlle o custe que supón dispor dun vehículo todoterreo e os equipo de protección individual (EPIS). Isto suma 8.000 euros, o que da un importe total de 35.000 euros. Ademais, o Concello asume o custe da compra de árbores e mailos traballos de preparación dos terreos para a posterior plantación que ascende a 16.000 euros. En total, o Concello destinará 51.000 euros de fondos propios á segunda fase deste plan.

No caso de que se modifique a Lei 3/2007 aumentarían os metros de xestión de biomasa actuando entón en terreos forestais e urbanos de 30 a 50 metros de distancia ao ámbito urbano ou a vivenda respectivamente. Isto implicaría un incremento do número de árbores plantados co conseguinte aumento en 10.000 euros a contía que tería que achega o Concello. Neste caso ampliaríase en 8,3 o número de hectáreas a traballar e en 2.490 o número de árbores a plantar.

Contido relacionado


Praza Pública: "Ames plantará 4.200 árbores caducifolias para loitar contra o lume"
El Correo Gallego: "Árboles antiincendio para ames"