Pestanas principais

Apróbase o pagamento de preto de 60.000 euros para a promoción de festas populares e a realización de actividades levadas a cabo por asociacións culturais

Sábado, 19 de maio de 2018

[19-05-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o reparto das axudas para a promoción de festas populares e de actividades levadas a cabo por asociacións culturais. Da convocatoria de axudas de 2017 puideron beneficiarse 16 entidades culturais sen ánimo de lucro, entre as que se repartirán 35.569,10 euros, así como 9 asociacións de veciños/as e recreativas que disporán de 22.687,89 euros correspondentes á convocatoria de axudas para a promoción de festas populares. Deste xeito, o goberno municipal destina un total de 58.257 euros á promoción das actividades cultuais e á organización de festexos parroquiais. Rematado o prazo de presentación da documentación xustificativa por parte das entidades beneficiarias procederase a facer o pagamento de ditas axudas.

Para a realización de actividades culturais concedéronse 35.569,10 euros, repartidos entre un total de 16 asociacións culturais municipais. Os obxectivos desta liña de axudas son achegar a cultura á veciñanza, a creación e mantemento dunha vida cultural estable dentro do ámbito territorial do Concello de Ames e a promoción da participación activa da veciñanza amesá en actividades de índole cultural, que presentan un claro interese público. Por este motivo, non se subvencionan viaxes que non acrediten o seu carácter eminentemente cultural, a realización de obras ou o pagamento de gastos correntes como facturas telefónicas ou da luz.

Por outra banda, para a promoción de festas populares celebradas no exercicio 2017 concedéronse un total de 22.687,89 euros que irán parar as arcas de 9 asociacións veciñais e recreativas que realizaron festas populares durante o pasado ano. No tocante a esta liña de axudas para a promoción de festas, o que se procura é a existencia dunha programación festiva estable, a participación activa da veciñanza nas festas, a preservación das tradicións existentes nas distintas parroquias do Concello e a difusión da imaxe de Ames a partir das súa oferta festiva.

Trátase de dúas liñas de subvencións, de concorrencia competitiva, que convoca a Concellaría de Educación e Cultura. As novas bases modificadas no 2016 permitiron a utilización do remanente para incrementar e distribuír o importe ás entidades locais. A finais so pasado mes de xaneiro e a comezos de febreiro a Xunta de Goberno Local aprobou o reparto de ditas achegas. Posteriormente, abriuse un prazo para a presentación da documentación xustificativa esixida polas bases reguladoras da convocatoria. Unha vez emitida dita documentación e comprobada polo órgano xestor, emitiuse un informe coas contías que se lle terá que aboar a cada unha das entidades beneficiarias.