Pestanas principais

Apróbase o orzamento da EPEL Augas de Ames que ascende a 4.580.651 euros

Mércores, 11 de febreiro de 2026

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá unha nova sesión extraordinaria do Consello de administración da EPEL Augas de Ames. Nesta sesión abordáronse dous importantes temas para dita entidade como son a aprobación do orzamento para o exercicio 2026 (que inclúe os orzamentos de explotación e capital da entidade para 2026, previsión do balance de situación, cadro de persoal da EPEL con detalle das retribucións totais previstas, así como o programa de actuación plurianual 2026-2028); e a aprobación da masa salarial do persoal laboral para 2026. Trátase dun presuposto equilibrado entre ingresos e gastos que ascende a 4.580.651,83 euros. O orzamento de 2026 recolle dous importantes investimentos: a obra de abastecemento de auga potable dende a ETAP de Lens ata O Milladoiro, Bertamiráns e ao rural; e mailo  reforzo da rede de abastecemento na avenida da Maía, en Bertamiráns.

Na sesión extraordinaria do Consello de administración da EPEL Augas de Ames, celebrada esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello, participaron o alcalde, Blas García; a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto; o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández; a xerente da EPEL Augas de Ames, Genma Otero; tres concelleiros/as do grupo municipal do Partido Popular (Oliva Agra, Pablo Beiroa e José Ramón Oulego), dous/dúas edís do grupo municipal BNG (Natividade González e Alexandre Espinosa), e maila concelleira do grupo municipal de Espazo Común (Luísa Feijóo). Tamén participaron o representante dos traballadores da empresa; e o representante das asociacións veciñais. 

En dito Consello de administración aprobáronse as actas anteriores; o orzamento para o exercicio 2026 (que inclúe os orzamentos de explotación e capital da entidade para 2026, previsión do balance de situación, cadro de persoal da EPEL con detalle das retribucións totais previstas, así como o programa de actuación plurianual 2026-2028); e maila masa salarial do persoal laboral para 2026.

A xerente da EPEL Augas de Ames, Genma Otero, destaca que “hoxe presentamos un orzamento de preto de 4.600.000 euros, equilibrado e sostible, onde os ingresos correntes financian os gastos correntes, e aínda queda un sobrante para realizar investimentos na ampliación e mellora das redes, que se poderían financiar con fondos propios. É un orzamento ambicioso onde se recollen como actuacións estratéxicas dous grandes investimentos, que permitirán mellorar e ampliar o servizo utilizando os nosos propios recursos”.

Orzamento equilibrado entre ingresos e gastos
No capítulo de ingresos recóllense os seguintes importes: 1.512.815,26 euros por subministro de auga; 955.841,33 euros por saneamento; 209.816,87 euros por depuración; 139.480,76 euros por venda de auga en alta aos Concellos de Teo e Brión; 66.866,76 euros por mantemento e conservación de contadores; 128.773,44 euros por outros ingresos (execución de acometidas, instalacións de contadores, etc.); e 1.567.057,41 por un préstamo recibido a longo prazo de entes fóra do sector público. 

O total de ingresos ascende a 4.580.651,83 euros. De dito total, 3.013.594,42 euros son ingresos de tarifas e o resto, 1.567.057 euros, está incluído dentro da partida de outros ingresos e corresponde co préstamo solicitado, co que se sufragarán dous importantes investimentos durante o exercicio 2026 .

As principais partidas de gastos dos servizos do Ciclo Integral da Auga corresponden ás partidas de persoal, aprovisionamento (compra de auga), traballos realizados por outras entidades (entre os que está prevista a licitación dun novo servizo de limpeza e desatasco das redes e instalacións), subministro de enerxía eléctrica, comunicacións e outros servizos, arrendamentos de maquinaría e de locais, xa que resultan imprescindibles para a operativa ordinaria do servizo da EPEL.  

Deste xeito, no capítulo de gastos do Orzamento de 2026 da EPEL Augas de Ames contémplase un gasto de 879.720,03 para o persoal; 1.700.959,51 euros para gastos correntes en bens e servizos; 34.341,15 euros de gastos financeiros; e 1.965.631,14 euros para investimentos. O total de gastos ascende a 4.580.651,83 euros.

Investimentos
O orzamento de 2026 recolle dous importantes investimentos: a obra de abastecemento de auga potable dende a ETAP de Lens ata O Milladoiro, Bertamiráns e ao rural, por un importe de 2.388.269,75 euros. Trátase dun investimento plurianual dividido en dous exercicios: unha anualidade de 1.194.134,88 euros en 2026, e outra anualidade polo mesmo importe de 1.194.134,88 en 2027. 

Ademais, tamén se recolle un segundo investimento en 2026 para reforzar a rede de abastecemento na avenida da Maía, en Bertamiráns, que dispón dun presuposto de 372.937,54 euros. Para sufragar ditos investimentos preténdese realizar unha operación de endebedamento por importe de 2.761.207,29 euros. Tamén se realizarán actuacións e investimentos para as redes nas parroquias do rural.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La empresa pública Augas de Ames asumirá la extensión de la red desde Lens a O Milladoiro"

Lindeiros: "Augas de Ames terá un orzamento de 4 millóns e medio de euros"

Apróbase o orzamento da EPEL Augas de Ames que ascende a 4.580.651 euros