Pestanas principais

Apróbase o expediente de licitación do servizo de execución e seguimento das accións do programa de inserción laboral de colectivos desfavorecidos

Sábado, 28 de xaneiro de 2023

Na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, 26 de xaneiro de 2023, aprobouse o expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado, do servizo para a execución e seguimento das accións do programa de inserción laboral para colectivos desfavorecidos do concello de Ames que estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Un dos ámbitos prioritarios de intervención do Concello de Ames é poñer en marcha actuacións en materia de prevención, detección e intervención da exclusión social.

Neste senso, o Concello de Ames decide poñer en marcha un programa de inserción laboral que responda ás actuais demandas sociais de dar cobertura á existencia dunha oferta formativa que incremente o índice de inserción laboral e social no municipio, como requisito imprescindible para poder fixar poboación no mesmo, axustándose aos intereses e necesidades do colectivo ao que se dirixe e fomentando a cohesión social, a loita efectiva contra a discriminación e a erradicación da pobreza.

O programa de inserción laboral deriva dun estudo previo onde se determinan os colectivos desfavorecidos prioritarios, así como as súas demandas específicas de formación, acompañamento e práctica laboral, sendo unha das liñas de actuación con maior e máis inmediato efecto na reinserción laboral e que precisa dunha atención diferenciada das actuacións que en materia de políticas activa de emprego xa emprende o Concello.

Así, o obxecto da licitación é a execución e seguimento das accións do programa de inserción laboral para colectivos desfavorecidos do concello de Ames. En concreto, trátase da posta en marcha dos servizos de xestión e apoio técnico do programa de inserción de colectivos desfavorecidos, así como a impartición da formación transversal, ocupacional sectorial e teleformación.

As prestacións que servirán para a posta en marcha e execución do programa, estarán desagregadas nos seguintes lotes:
    • Lote 1. Xestión e apoio técnico do programa de inserción de colectivos desfavorecidos.
    • Lote 2. Impartición da formación transversal do programa de inserción de colectivos desfavorecidos.
    • Lote 3. Impartición da formación ocupacional sectorial do programa de inserción de colectivos desfavorecidos.
    • Lote 4. Servizo de acceso a unha plataforma de teleformación do programa de inserción de colectivos desfavorecidos.

A estratexia proposta co programa de inserción laboral de colectivos desfavorecidos no concello de Ames pon o foco de atención na necesidade de dotar ás persoas, especialmente poboación feminina e inmigrante, mocidade sen cualificación, e parados de longa duración en situación de desemprego, en procura de primeiro emprego ou en procesos de mellora de emprego, das competencias transversais/horizontais e competencias profesionais necesarias para poder consolidarse no mercado laboral, atendendo ás competencias en materia de tecnoloxías da información e comunicación.

Os resultados esperados que se pretenden alcanzar co presente servizo son:
    • Integración social e laboral de persoas desempregadas, con especial atención a inmigrantes, mulleres e poboación moza.
    • Incremento do índice de inserción laboral e social no municipio como requisito imprescindible para poder fixar poboación no mesmo.
    • Fomento da competitividade e inclusión social, así como da igualdade entre homes e mulleres.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames perfila un plan de empleo para 612 personas en sectores de alta demanda en la comarca"

El Correo Gallego: "Ames vincula al futuro centro multifuncional la inserción laboral de cientos de desfavorecidos"

O Concello de Ames decide poñer en marcha un programa de inserción laboral que responda ás actuais demandas sociais