[04-11-2016] A Xunta de Goberno Local ven de aprobar o expediente de contratación das obras de saneamento do núcleo de Portanxil, mediante procedemento aberto, por valor de 139.931,94 euros. Esta obra, demandada desde hai tempo pola veciñanza da zona, da continuidade ás obras de saneamento xa executadas na parroquia de Trasmonte e responde á intención do Goberno Municipal de apostar polo rural e traballar a prol de conseguir que todas as aldeas e lugares do concello conten con saneamento.
As obras inclúen a canalización de 2352 metros de tubería PVC, dos que 2100 serán de 250 milímetros. Nos restantes 252 metros as tuberías terán un diámetro de 160 milímetros. Faranse ademais 51 pozos de rexistro en calzada e 42 arquetas de saneamento, todo elo previa escavación de gabias e posterior recheo compactado das mesmas. Contémplase tamén no proxecto a reposición do pavimento afectado pola execución das obras, semellante ao existente, e partidas para entronque a rede e cruce de estrada con topo.
Na Xunta de Goberno Local do xoves, 3 de outubro de 2016, aprobouse o expediente de contratación destas obras por valor de 139.931,94 euros. Ademais determinouse que a contratación se realice mediante procedemento aberto cun único criterio de adxudicación (factor prezo) e tramitación ordinaria. Dadas as características das obras o proxecto considera necesario e suficiente un prazo de seis meses para a correcta terminación das mesmas.
Os veciños/as de Portanxil levan tempo demandando estas obras de saneamento. Para o concelleiro de Obras Públicas, Urbanismo e Servizos Básicas, as obras dan continuidade ás que xa se fixeron na parroquia de Transmonte e poñen de manifesto que o Concello segue apostando polo rural e por traballar a prol de conseguir que todas as aldeas do concello teñan saneamento”.




