[28-12-2016] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar mediante un procedemento aberto. Os pregos de contratación recollen un cambio nos criterios de valoración para darlle máis importancia á calidade do servizo e non tanto ao aspecto económico. A duración inicial do contrato que se saca a concurso será de dous anos a contar desde o momento da súa sinatura, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos, incluído o período inicial e maila prórroga. O presuposto máximo de licitación é de 3.233.600,60 euros (incluídos os dous anos de contrato e mailos outros dous anos de prórroga).
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “a nosa intención é prestar un mellor servizo, para iso dende o goberno apostamos por darlle unha maior calidade ao servizo de axuda no fogar. Dende o Concello apostamos fortemente por este programa, xa que entendemos que non é un servizo sen máis, senón que é un dereito. Recentemente, fixemos un incremento de horas neste servizo para poder chegar a un maior número de usuarios e usuarias. Tamén levamos a cabo outra serie de actuacións encamiñadas a mellora do servizo como son a unificación da xestión, de criterios, procedemento, etc”.
Coa implantación da lei 39/2006 de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situacións de dependencia, existen dúas modalidades de acceso: o servizo de axuda no fogar na modalidade de dependencia, para persoas con recoñecemento de dependencia; e o servizo de axuda no fogar na modalidade de libre concorrencia, para aquelas persoas que tendo ou non unha situación de dependencia recoñecida, co obxectivo de dar resposta a unha situación de urxente necesidade de atención. Deste xeito, o novo contrato do servizo e axuda no fogar contempla dúas modalidades de atención: a básica e a de dependencia.
Os pregos de contratación recollen un cambio nos criterios de valoración para darlle máis importancia a calidade do servizo e non tanto ao aspecto económico. Así, a oferta económica será valorada ata un máximo de 20 puntos, mentres que o préstamo de material (grúas de mobilización, camas articuladas motorizadas con colchón adaptado, colchóns antiescaras, cadeiras xiratorias de baño e cadeiras de rodas manuais) para a prestación do servizo sen custo para a Administración nin para o usuario será valorado ata un máximo de 8 puntos. Ademais, as horas anuais de prestacións específicas complementarias (servizos que se prestan a domicilio como poden ser os de podoloxía, perruquería, fisioterapia e enfermaría) valoraranse ata un máximo e 14 puntos.
Outros factores a ter en conta no proceso de contratación serán a proposta de accións formativas para coidadores habituais de persoas en situación de dependencia (terá unha valoración máxima de 2 puntos), as horas anuais para a cobertura de situacións singulares ou de emerxencia de usuarios novos ou de alta no servizo (valoración máxima de 8 puntos) e mailo número de limpezas xerais ou de choque en domicilio anuais (que terá tamén unha valoración máxima de 8 puntos).
Obxectivos do servizo de axuda no fogar
Na maior parte dos casos a través do Servizo de Axuda no Fogar aténdese a persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato, así como fogares con menores, cando se observa a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Os obxectivos básicos do servizo de axuda no fogar son: mellorar a calidade de vida das persoas usuarias; posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual; favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio; manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia ou exclusión social; e retardar ou evitar a institucionalización.
Para dar cumprimento a estes obxectivos poden prestarse, entre outras, tarefas de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria (aseo, levantarse e deitarse, control do réxime alimentario, axuda e control da medicación prescrita,…) ou na realización doutras tarefas da vida diaria (acompañamento a consultas ou tratamentos, apoio psicosocial,...). Existe unha oficina nos servizo sociais do Concello para a xestión deste programa que atende á veciñanza de luns a venres, en horario de 09:00 a 13:30 horas, ou no correo electrónico saf@concellodeames.gal.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Aproban o expediente para contratar o servizo de axuda no fogar en Ames"
La Voz de Galicia: " El plan de Axuda no Fogar de Ames costará 3,2 millones en 4 años"




