Pestanas principais

Apróbase o expediente de contratación das obras de ampliación do pavillón municipal de deportes do Milladoiro

Martes, 09 de maio de 2017

[09-05-2017] A Xunta de Goberno Local acaba de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, cun único criterio de adxudicación (factor prezo), e con tramitación ordinaria, da obra de ampliación do pavillón municipal de deportes do Milladoiro. Este proxecto recolle a ampliación en 180 metros cadrados do pavillón do Milladoiro co obxectivo de executar unha nova sala-ximnasio, que ten un custe de 81.831,02 euros.

No pasado mes de marzo o alcalde de Ames, José Miñones, e o deputado provincial responsable da área de cooperación cos concellos, Xosé Regueira, asinaron o contrato de colaboración para sufragar este proxecto entre ambas administracións. Unha vez realizado dito trámite, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación das devanditas obras.

Este proxecto recolle a ampliación en 180 metros cadrados do pavillón do Milladoiro co obxectivo de executar unha nova sala-ximnasio, que ten un custe de 81.831,02 euros. Para elo, a Deputación da Coruña achegará 65.464,82 euros a través dunha subvención nominativa para financiar o 80% das actuacións contidas no proxecto técnico da obra de ampliación de dito pavillón. O Concello asumirá o custe restante, que representa o 20%, e que son 16.366,20 euros.

O rexedor municipal explicou que “a mellora das instalacións deportivas é unha prioridade para este goberno ante o escaso investimento realizado en anteriores anualidades. Grazas a axuda económica que nos vai achegar a Deputación poderanse mellorar os servizos ofertados no pavillón municipal do Milladoiro. Ademais, permitirá dispor dun novo espazo nesta infraestrutura para realizar novas actividades”.

Actuacións no pavillón de Bertamiráns
Por outra banda, dende a Concellaría de Deportes teñen previsto realizar outras actuacións no pavillón de Bertamiráns como son cambiar o pavimento desta instalación, con cargo ao plan complementario do plan provincial de acción social (PAS), para o que se está acelerando a tramitación administrativa de cara a chegar á nova tempada co novo chan instalado, así como a construción dunha pista de squash e sala multiusos con fondos propios.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, indicou que “o investimento en instalacións deportivas durante o 2016 superou os 500.000 euros e para o 2017 espérase volver a aprobar importantes investimentos en instalacións deportivas dentro do plan POS+ da Deputación e con fondos propios do orzamento por importes de 250.000 euros”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Aprobada la obra ampliación del pabellón de Milladoiro"