- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o pasado 19 de febreiro o expediente de licitación das obras para a instalación dun sistema de rega automática no centro de lanzamento de Ventín. O orzamento base de licitación ascende a 40.396,71 euros (IVE incluído). Este proxecto, que se sufraga con cargo á segunda fase do POS +Adicional 2/2025, enmárcanse dentro do plan de arranxo e mellora das instalacións deportivas municipais.
O Concello de Ames, a través das Concellarías de Deportes e de Obras e Servizos Básicos, segue apostando por mellorar as instalacións deportivas municipais. Deste xeito, vén de aprobarse o expediente de licitación das obras para a instalación dun sistema de rega automática no centro de lanzamento de Ventín. O orzamento base de licitación ascende a 40.396,71 euros (IVE incluído). Este proxecto sufrágase con cargo á segunda fase do POS+ Adicional 2/2025.
Este é un paso máis na mellora destas instalacións deportivas, que foron abertas no ano 2024 co obxectivo de dispor dunhas instalacións dedicadas ao atletismo, xa que é un deporte con moito seguimento no concello de Ames. Os clubs MillaRaio e Ames Atletismo dispoñen de máis de 200 nenos e nenas que practican diversas disciplinas de atletismo. A creación desta instalación era unha antiga demanda dos clubs de atletismo do concello.
O alcalde, Blas García, destaca “a intención é seguir traballando para ampliar e mellorar estas instalacións, e para impulsar a práctica do atletismo entre os veciños e veciñas, incluíndo entre outras cousas unha zona de salto e outra de carreira. O obxectivo é converter Biduído nun centro de referencia no ámbito do atletismo para a comarca, a provincia, e mesmo para toda Galicia”.
Centro de lanzamento para a práctica do atletismo
A parcela do antigo campo de fútbol do Biduído foi adaptada como centro de lanzamento para a práctica do atletismo por un importe de preto de 250.000 euros. As parcelas do antigo campo de fútbol de Biduído xa estaban sendo empregadas polos club de atletismo do concello para a práctica de varias disciplinas deportivas de atletismo. O primeiro en executarse foi a gaiola de lanzamento de disco/martelo.
A continuación, habilitouse un corredor de lanzamento de xavelina e un círculo de lanzamento de peso, cos seus correspondentes sectores de caída. O corredor de lanzamento de xavelina construíuse de xeito paralelo á gaiola de lanzamento de disco/martelo existente, de forma que os sectores de caída dunha e outra disciplina poden ser compartidos. Dito corredor está composto por un corredor de lanzamento, arco límite e sector de caída da xavelina.
O círculo de lanzamento de peso dispón dun sector de caída do artefacto con pavimento de arena e sub-base drenante, delimitando dito sector con borde de formigón prefabricado. Ademais, executáronse gabias drenantes en forma de espiña de pez que garanten unha drenaxe eficaz do terreo de xogo. A través desta actuación tamén se realizou unha mellora dos accesos e dos vestiarios da instalación.
Novas relacionadas
Amsgo!: "Aproban dotar de sistema de rega automática ao centro de lanzamento en Ventín"









