- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación dos servizos de recollida de animais domésticos abandonados, lacería e xestión de colonias felinas. Este proceso de licitación realízase mediante un procedemento aberto con varios criterios de adxudicación e tramitación anticipada. O orzamento base de licitación ascende a 331.594,80 euros, máis 69.634,91 euros de IVE, que suma un importe total 401.229,71 euros. Este novo contrato contemplará campañas de concienciación nos colexios e institutos de Ames, así como un plan que se irá realizando de xeito progresivo en todo o concello sobre a xestión das colonias felinas.
O goberno municipal aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, 16 de outubro, o inicio de expediente da nova licitación dos servizos de recollida de animais domésticos abandonados, lacería e xestión de colonias felinas. O obxecto desta contratación é a prestación deste servizo cunha orientación totalmente diferente ao que se estaba realizando.
A duración inicial do contrato será de dous anos, podendo prorrogarse por un ano máis ata un máximo de tres anos. O orzamento base de licitación para os dous anos de contrato ascende a 331.594,80 euros, máis 69.634,91 euros de IVE, que suma un importe total 401.229,71 euros.
O servizo de recollida de animais domésticos abandonados e lacería estaba sendo prestado polo persoal municipal de Medio Ambiente e polos/as voluntarios/as da Agrupación de Protección Civil. Co novo contrato pasará a ser prestado polo persoal da empresa adxudicataria de forma ininterrompida as 24 horas do día, durante todos os días que dure o contrato, incluídos sábados, domingos e festivos.
Campañas educativas e de concienciación social
O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, explica que “ata o de agora o Concello de Ames ten un convenio co Refuxio de animais de Cambados para prestar estes servizos, pero dende que no ano 2023 se aprobou a lei de benestar animal era preciso licitar e dispor dun contrato que recollese os servizos de recollida de animais domésticos abandonados, lacería e xestión de colonias felinas”.
Javier Antelo engade “este novo contrato tamén contemplará campañas de concienciación nos colexios e institutos de Ames, así como un plan que se irá realizando de xeito progresivo en todo o concello sobre a xestión das colonias felinas”.
Nesta nova licitación valorarase a realización de campañas encamiñadas a educar, sensibilizar e concienciar á cidadanía contra o abandono e maltrato animal. Deste xeito, está previsto realizar este tipo de campañas nos colexios e institutos de Ames. Ademais, a empresa adxudicataria destinará un número de teléfono operativo as 24 horas ao que se chamará para avisar dos servizos necesarios.
Xestión das colonias felinas
O novo contrato tamén inclúe un plan para a xestión das colonias que se irá aplicando de xeito progresivo durante os vindeiros anos en áreas urbanas, periurbanas, residencias e rurais. Na actualidade a xestión das colonias felinas está realizada en colaboración polo Concello de Ames, Refuxio de animais de Cambados e persoas voluntarias. Co novo contrato será a empresa adxudicataria a que se encargue de xestionar estas comunidades de gatos.
Cómpre lembrar que desde 2021, o departamento de Medio Ambiente está a aplicar o programa CER (captura, esterilización e retorno) para o control das colonias felinas dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Este plan, levado a cabo en colaboración co Refuxio de Cambados, consiste na captura, esterilización e solta dos animais que integran estas colonias. Ademais, en Ames tamén se aplica a desparasitación e a marcaxe con microchip como parte deste plan.
En Bertamiráns actualmente hai cinco colonias: en Castrigo, no Rueiro, nos arredores da Casa da Cultura e outras dúas na rúa Rosaleda. Todas elas están organizadas a través dun rexistro e contan cun grupo de voluntarios e voluntarias encargados da súa alimentación, coidado e vixilancia. No Milladoiro tamén hai unha colonia felina, que está xestionada por persoas voluntarias, que se encargan de alimentar aos animais e velar pola súa seguridade.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames licita la recogida de animales abandonados, lacería y gestión de colonias felinas en 401.000 euros"
El Correo Gallego: "Ames busca una empresa 24 horas para que recoja animales y gestione colonias felinas"
Diario de Santiago: "Apróbase a licitación dos servizos de recollida de animais domésticos abandonados, lacería e xestión de colonias felinas en Ames por 400.000 euros"





