Pestanas principais

Apróbase a licitación do proxecto de mellora das beirarrúas da avenida da Maía, en Bertamiráns

Venres, 05 de maio de 2023

A Xunta de Goberno Local de Ames vén de aprobar, o pasado 20 de abril, o expediente de contratación das obras de acondicionamento e mellora das beirarrúas da avenida da Maía, en Bertamiráns. As ofertas poderanse presentar ata o vindeiro 15 de maio. O orzamento base de licitación de dito proxecto é de 301.205 euros (IVE incluído). Para executar ditas obras asinouse un convenio entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña. Deste xeito, a entidade provincial achega o 80% do financiamento do proxecto, que son 240.964 euros, e a Administración local o 20% restante, que son 60.241 euros. O proxecto contempla a mellora estética e funcional das beirarrúas, incrementando o espazo para uso dos peóns.

Trala sinatura do convenio o pasado 24 de febreiro deuse un paso máis para poder executar as obras de acondicionamento e mellora das beirarrúas da avenida da Maía, en Bertamiráns. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local de Ames aprobou o pasado 20 de abril o expediente de contratación de dito proxecto.

A avenida da Maía é a principal arteria de Bertamiráns e, dende que no ano 2020 se conseguiu a cesión da mesma por parte da Xunta, o Goberno municipal está traballando na súa humanización. Nos últimos meses xa realizaron melloras no pavimento da estrada e agora preténdese mellorar o estado das beirarrúas.

O orzamento total da execución ascende a 301.205 euros, dos que a entidade provincial aporta o 80% do financiamento, que supón 240.964 euros, e a Administración local a cantidade restante, que son 60.241 euros.

Cómpre lembrar que no pleno ordinario de xuño de 2021 aprobouse por unanimidade de toda a Corporación municipal a solicitude de dita subvención nominativa á Deputación provincial da Coruña. Previamente, dende o Concello encargouse a redacción dun proxecto técnico para coñecer as melloras que eran necesarias executar nas beirarrúas da avenida da Maía e o seu custe total.

Actuacións previstas
Na actualidade, as beirarrúas de ambos marxes da avenida da Maía presentan un estado deficiente e heteroxéneo froito das distintas intervencións realizadas, así como do uso da maquinaria de limpeza viaria que debido ao peso e ao uso habitual ocasionan danos. Existen, ademais, numerosas arquetas e pozos de rexistro que, nalgún dos casos, se atopan deteriorados.

Debido a iso as actuacións proxectadas están encamiñadas a unha mellora estética e funcional, así como o incremento do espazo público empregado polos peóns na avenida. Ademais das beirarrúas, proxéctase a colocación de baldosa de formigón vibrado e unha capa de xabre. Como elementos de separación co viario incluiranse bordos de formigón prefabricado e as súas respectivas cunetas.

Os vaos para vehículos ao seu paso polas beirarrúas resolveranse cun pavimento de 20 centímetros de formigón impreso con malla electrosoldada e fibra de nailon sobre unha capa de 10 centímetros de xabre. O acabado superficial resultante simulará o corte da baldosa de granalla.

Nos pasos de peóns disporase pavimento táctil direccional e de botóns segundo o disposto na normativa de accesibilidade vixente.

Incremento do espazo peonil
O incremento do espazo peonil require da reposición de 9 arquetas con sumidoiros, a colocación de 3 novas, a adaptación á nova rasante de 7 pozos de rexistro e o retranqueo de 9 luminarias. Tamén se contempla a reposición da canalización da iluminación pública a base de tubo de polipropileno.

O mobiliario urbano estará composto por unhas xardineiras de fundición rectangulares para a plantación de arbustos ornamentais e plantas aromáticas, e outras de fundición esféricas para a plantación de árbores de sombra. Tamén se disporán 4 bancos de formigón con asento e respaldo de madeira e unha varanda de aceiro inoxidable para a contención de peóns.

As actuacións complétanse coa reposición de sinalización horizontal afectada e a limpeza do pavimento que se mantén nos treitos de beirarrúa no que se actúa.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cortan una calle de Bertamiráns por las obras de la almendra y mejorarán aceras en su avenida"

Imaxe da avenida da Maía

Multimedia

  • Imaxe da avenida da Maía