Pestanas principais

Apróbase a licitación do proxecto da central de lavado dos comedores escolares de Ames

Venres, 03 de xuño de 2022

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 27 de maio o proxecto técnico e mailo expediente de contratación para as obras de adecuación da antiga nave de obras para a implantación dunha central de lavado e locais anexos auxiliares para os comedores escolares municipais. O orzamento base de licitación ascende a 149.764,77 euros. O anuncio de dita licitación xa está publicado na Plataforma de contratación do sector público. O prazo para presentar propostas estará aberto ata o 20 de xuño.

O proxecto da central de lavado dos comedores escolares municipais foi elaborado polo estudo Obradoiro Enxeñeiros. Deste xeito, reutilizarase a antiga nave de obras en Bertamiráns, que acollerá un módulo para centralizar o lavado da menaxe dos comedores. Esta primeira actuación inclúese no programa de investimentos municipais Ames Progresa cun orzamento próximo aos 150.000 euros. Na segunda fase do proxecto construirase a área da cociña central que terá unha superficie total de 888 metros cadrados, incluída a área de lavado.

A Concellaría de Educación inicia desta forma a reutilización da nave de obras situada na avenida da Maía, en Bertamiráns, para acoller este módulo que supón centralizar a limpeza da menaxe dos sete comedores escolares nunha primeira fase no ano 2022, para logo abordar a centralización das dúas cociñas situadas actualmente no CEIP Agro do Muíño e na EEI do Milladoiro no ano 2023.

Dito proxecto executarase en dúas partes. Primeiro construirase a área de lavado que disporá dunha superficie de 196 metros cadrados. Esta zona está composta por unha zona de lavado, outra zona de entrada de sucio e subministracións, un almacén para carros, un local de limpeza e lixo, e un local para máquinas.

Na segunda fase do proxecto construirase a área da cociña central que terá unha superficie total de 888 metros cadrados, incluída a área de lavado. Disporá dunha área de cociña xeral e outra cociña específica para intolerancias, unha zona de frío para a elaboración de primeiros pratos, sobremesas e pan; distintos almacéns; e cámaras frigoríficas; así como varias cámaras para a conservación do produto final; e dous vestiarios (feminino e masculino).

O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, explica que “trala presentación do proxecto feita no pasado mes de xaneiro, continuamos avanzando na tramitación deste proxecto e agora xa acabamos de aprobar a súa licitación. Deste xeito, tratamos de avanzar na centralización dos servizos municipais cunha primeira fase na que instalaremos un módulo de lavado de menaxe, para logo trasladar as cociñas e dispor dun espazo único para o traballo do persoal e a elaboración dos menús que transportaremos aos diferentes centros escolares”.

O concelleiro de Educación engade “as actuais dimensións da rede de comedores escolares municipais, con sete centros escolares e a construción dun novo colexio no Milladoiro require unha reorganización necesaria para seguir a garantir a calidade e o funcionamento da rede”.

O alcalde, Blas García, destaca “este é un investimento de importancia porque vai a garantir a calidade dos comedores escolares, xa que mellora e centraliza as instalacións existentes ata o de agora. Comezamos co centro de lavado para continuar coa construción dunha cociña única que centralice toda a elaboración dos menús, o que é un gran avance ademais de significar un aforro no funcionamento dos comedores”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Licitan a central de lavado e centralizarán as cociñas"

Enfoques: "El Concello de Ames licita el proyecto de la central de lavado de los comedores escolares"

Plano da central de lavado

Multimedia

  • Plano da cociña central
  • Presentación do proxecto
  • Visita á antiga nave de obras
  • Visita á antiga nave de obras