Pestanas principais

Apróbase a licitación do novo contrato dos servizos de desbroce, limpeza e mantemento dos núcleos rurais de Ames

Martes, 04 de novembro de 2025

O Concello de Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno Local o pasado 30 de outubro o expediente de licitación do novo contrato dos servizos de desbroce, limpeza e mantemento dos núcleos rurais do municipio. O orzamento base de licitación ascende a 741.684,30 euros (IVE incluído), que estará dividido nos exercicios 2026, 2027 e 2028. O contrato terá unha duración inicial de dous anos, con posibles prórrogas. O anterior contrato tivo que resolverse debido á quebra da anterior concesionaria do servizo. A través deste servizo preténdese realizar os traballos de limpeza, mantemento e conservación dos accesos e interiores dos núcleos rurais. Tamén se realizarán tarefas de mantemento dos contornos de lavadoiros, igrexas, locais sociais, muíños, beirarrúas e canalizacións de pluviais de titularidade municipal. Actuarase nas 11 parroquias do concello de Ames e nun total de 107 núcleos rurais.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación do novo contrato dos servizos de desbroce, limpeza e mantemento dos núcleos rurais amesáns. O obxectivo é volver a contar cun servizo específico para realizar traballos de mantemento e conservación dos accesos e interiores dos núcleos rurais, incluíndo tamén as zonas próximas aos lavadoiros, igrexas, locais sociais, muíños, beirarrúas, canalizacións de pluviais, etc., que sexan de titularidade municipal.

O Concello de Ames ten o deber de executar as correspondentes operacións de conservación e mantemento dos viarios de acceso e interiores dos núcleos rurais co obxectivo de preservar o estado de ditas vías. Deste xeito, a través de dito servizo preténdese facer os traballos de desbroce nas marxes dos camiños de acceso aos núcleos de poboación, así como nos seus interiores.

O alcalde, Blas García, destaca “a importancia de volver a contar con este servizo que foi posto en marcha no ano 2021 cunha moi boa acollida entre a veciñanza amesá. O anterior contrato tivo que resolverse debido á quebra da anterior concesionaria de dito servizo. É unha clara aposta polo rural amesán, e en concreto, unha aposta seria e firme pola conservación dos nosos núcleos rurais”.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “este servizo foi licitado por primeira vez no ano 2021 co obxectivo de poñer en marcha unha brigada específica de limpeza e mantemento no rural. Agora, vólvese apostar por este servizo cun novo contrato que está reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social”.

Orzamento base de licitación
O orzamento base de licitación ascende a 741.684,30 euros (IVE incluído), que estará dividido nos exercicios 2026, 2027 e 2028. Durante o exercicio 2026 (de abril a novembro) está previsto un gasto de 247.228,10 euros. Para 2027 (de decembro de 2026 a novembro de 2027) o gasto do contrato ascende a 370.842,15 euros, mentres que para 2028 (de decembro de 2027 a marzo de 2028) recóllese un gasto de 123.614,05 euros. O contrato terá unha duración inicial de dous anos, con posibles prórrogas.

A empresa adxudicataria do servizo terá que presentarlle ao Concello de Ames unha planificación da totalidade dos traballos a desenvolver. O Concello de Ames poderá introducir modificacións en dito plan, con relación ao alcance, secuencia e ordenación de operacións que permitan mellorar a calidade dos traballos conseguidos sempre e cando, non excedan do alcance orzamentario previsto para a execución do traballo.

Equipo de tres ou cinco persoas
O servizo contará cun equipo mínimo de tres persoas traballando simultaneamente durante 8 meses do ano, pasando a ser cinco traballadores/as durante o período estival (catro meses ao ano). Estes traballos inicialmente serán realizados en xornada partida de mañá e tarde, aínda que se poida estudar a posibilidade de realizalos en xornada continua, pero cumprindo o horario de 8 horas diarias (40 horas semanais).

Actuarase nas 11 parroquias do concello de Ames e nun total de 107 núcleos rurais. Os traballos de limpeza e mantemento dos accesos e interiores dos núcleos rurais executaranse en Agrón (14 núcleos); na Ameixenda (8 núcleos); Ames (18 núcleos); Biduído (13 núcleos); Bugallido (11 núcleos); Covas (8 núcleos); Lens (2 núcleos); Ortoño (15 núcleos); Piñeiro (6 núcleos); Tapia (3 núcleos); e Trasmonte (9 núcleos).

Centros especiais de emprego de iniciativa social
Este novo contrato está reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social. Cómpre salientar a aposta do Concello de Ames pola economía social e os centros especiais de emprego, xa que en 2023 o Concello de Ames adxudicou o contrato de mantemento de zonas verdes á empresa Coregal Parques e Xardíns SL, por un importe de 1.531.860 euros (IVE incluído). 

Neste senso, tamén hai que destacar que o Concello de Ames foi premiado en novembro de 2023 co Premio Cegasal á Administración Local debido a súa longa traxectoria apostando pola economía social e os centros especiais de emprego de iniciativa social. 

Ademais, recentemente, en xuño deste ano o presidente de CEGASAL, Mino Martínez Lago, visitou á Casa do Concello, en Bertamiráns, para manter unha xuntanza no salón de Plenos co alcalde e cos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno. Mino Martínez puxo a Ames como exemplo a seguir por outras administracións en prol da integración laboral de persoas con diversidade funcional.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Ames recupera el programa de desbroce y mantenimiento para sus 107 núcleos rurales"

El Correo Gallego: "Ames aproba a licitación do novo contrato dos servizos de desbroce dos núcleos rurais"

Diario de Santiago: "Apróbase a licitación do novo contrato dos servizos de desbroce, limpeza a mantemento dos núcleos rurais de Ames"

Apróbase a licitación do novo contrato dos servizos de desbroce, limpeza e mantemento dos núcleos rurais de Ames