Pestanas principais

Apróbase a licitación do contrato para a renovación do terreo de xogo do campo municipal de fútbol de Bertamiráns

Mércores, 04 de decembro de 2019

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado, tramitación anticipada, con varios criterios de adxudicación, do contrato de obras de rexeneración do campo de fútbol de céspede artificial de Bertamiráns. A licitación deste proxecto faise despois do convenio asinado entre a Deputación da Coruña e mailo Concello de Ames a través do cal se van investir 357.303 euros, para dotar a esta instalación dun novo terreo de xogo de céspede artificial de última xeración e dunha bancada máis cómoda para os espectadores. O convenio para cofinanciar ditos traballos foi aprobado o pasado 13 de setembro no pleno da Deputación da Coruña. A Deputación achegará o 80% da contía total, 285.906 euros, mentres que o Concello de Ames porá o 20% restante, 71.397 euros.

O campo de fútbol de Bertamiráns acolle actualmente adestramentos e partidos oficiais de varios equipos locais, pero presenta un estado deficiente debido ao desgaste da fibra do terreo de xogo, con máis dunha década de uso. Debido a iso o goberno municipal fixo as xestións necesarias coa organización provincial para cofinanciar este proxecto que foi aprobado o pasado 13 de setembro no pleno da Deputación da Coruña. Previamente, o convenio de colaboración foi aprobado na comisión de Deportes.

O 9 de outubro asinouse o convenio por parte do alcalde de Ames, José Miñones, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. A través de dito acordo o organismo provincial e mailo Concello financiarán as obras de retirada do firme actual mediante un sistema sostible TurfMuncher, que permita a súa reciclaxe ou reutilización e a instalación dun novo céspede de herba artificial de última xeración, que garante unha excelente función deportiva e técnica e que se instalará sobre unha superficie regular e previamente compactada.

Agora, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames vén de aprobar o expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado, tramitación anticipada, con varios criterios de adxudicación, do contrato de obras de rexeneración do campo de fútbol de céspede artificial de Bertamiráns.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, indica que “é unha obra moi necesaria xa que no día a día son moitos os usuarios e usuarias que fan uso deste campo. Son moitos os nenos e nenas das Escolas deportivas municipais que empregan esta instalación. Ademais, moitos rapaces e rapazas adestran nel ao longo da semana, e como non, durante a fin de semana acolle numerosos partidos de diferentes categorías, polo que calquera mellora que se execute nel e sempre benvida”.

A Deputación financiará o 80% do proxecto cunha achega de 285.906 euros, mentres o Concello de Ames achegará o 20% restante, 71.397 euros. O campo habilitarase para a práctica de fútbol 8 e fútbol 11, segundo os criterios regulamentarios da RFEF, e dotarase de novas porterías, redes e outro equipamento para a práctica do fútbol. Acometerase tamén a renovación do metacrilato dos bancos, dado o seu mal estado.

As obras inclúen tamén unha mellora na grada existente, onde se instalarán asentos plásticos, de fácil mantemento e limpeza, para facilitar unha maior comodidade dos espectadores que a asisten aos partidos.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames licita por 357.303 euros reformas en el campo de fútbol de Bertamiráns "

Compostela 24 horas: "Máis de 350.000 euros para o novo céspede do campo municipal de fútbol de Bertamiráns"

Imaxe do terreo de xogo do campo municipal de fútbol de Bertamiráns