Pestanas principais

Apróbase a licitación do contrato de subministración de equipos para as estacións de control para a medición de nivel e aforo de ríos para alerta temperá fronte a inundacións

Xoves, 16 de abril de 2026

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación do contrato de subministración de equipos para a implantación de estacións de control destinadas á medición do nivel e aforo de ríos, orientadas ao estudo de inundabilidade e á alerta temperá fronte a inundacións no municipio de Ames, no marco do proxecto Ames Dixital Water, que está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) mediante os fondos Next Generation EU, que á súa vez están dentro do PERTE de Dixitalización do Ciclo da Auga. O orzamento base de licitación de dito proxecto ascende ao importe de 71.995 euros.

O Concello de Ames iniciou a transformación integral do seu sistema de abastecemento e saneamento mediante a adxudicación e execución de diversos contratos enmarcados no proxecto estratéxico “Ames Dixital Water”, cuxa investimento global ascende a 1.356.375,49 euros. O 83,40% do orzamento total, que ascende a 1.131.309,77 euros, será sufragado con fondos europeos, mentres que o 16,60% restante, 225.065,72 euros, son sufragados con fondos municipais.

A iniciativa está financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do PERTE para a dixitalización do ciclo urbano da auga, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España e con fondos Next Generation EU. O obxectivo principal do proxecto é dotar ao municipio de servizos modernos e de calidade relacionados coa xestión do ciclo da auga. Así, a través da transformación dixital, Ames mellorará a eficiencia no uso dos recursos hídricos, garantirá a sustentabilidade ambiental e proporcionará á cidadanía un entorno favorable para o desenvolvemento dos seus proxectos de vida.

O proxecto pretende converter Ames nun referente na gobernanza da auga a nivel local, aproveitando as vantaxes da transformación dixital. Prevese mellorar a calidade de vida dos cidadáns, promover a sustentabilidade ambiental e fortalecer o arraigamento da poboación no municipio. Este enfoque integral busca crear un modelo replicable noutros contornos semiurbanos que se enfrontan a retos similares.

Estacións de control para a medición de nivel e aforo de ríos para alerta temperá fronte a inundacións
A actuación forma parte do proxecto global «Ames Dixital Water», promovido polo Concello de Ames, e ten como finalidade reforzar a dixitalización e monitorización do Ciclo Integral da auga, mediante a implantación dunha rede de estacións de control para a medición de nivel e aforo (caudal) de ríos, así como de sensórica hidrolóxica e meteorolóxica asociada, orientada á alerta temperá fronte a inundacións.

A actuación incluída neste contrato contribúe de xeito directo aos obxectivos do PRTR e do PERTE, en particular ao reforzo da resiliencia fronte a eventos extremos, á mellora da capacidade de anticipación e resposta ante riscos hidrolóxicos, e á modernización dos sistemas de información e toma de decisións na xestión da auga no ámbito municipal. 

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “a xestión do risco de inundacións no municipio de Ames require dispoñer de información hidrolóxica e meteorolóxica fiable, continua e explotable en tempo real, que permita coñecer o comportamento das canles fluviais e anticipar a evolución de episodios de crecida asociados a choivas intensas”. 

Na situación actual, a rede de puntos de control hidrolóxico dispoñibles no municipio é limitada, concentrándose en seccións concretas das canles principais e proporcionando unha visión parcial do funcionamento do sistema fluvial. Esta circunstancia adquire especial relevancia nun territorio cunha rede hidrográfica ramificada, no que achegas rápidas de afluentes e regachos poden xerar incrementos significativos de caudal augas abaixo sen unha detección previa adecuada.

Así mesmo, a información hidrolóxica e meteorolóxica existente non se atopa plenamente integrada nunha infraestrutura homoxénea de sensórica e adquisición de datos, deseñada baixo criterios de interoperabilidade, redundancia e explotación directa por parte da Administración local. Esta falta de integración limita a capacidade de análise conxunta dos datos, dificulta a xeración de alarmas coherentes e reduce a eficacia dos sistemas de alerta temperá e de apoio aos estudos de inundabilidade. 

A iso súmase a necesidade de que os datos obtidos poidan ser xestionados, almacenados e explotados directamente polo Concello de Ames, sen dependencias tecnolóxicas obrigatorias de terceiros, garantindo a súa dispoñibilidade, rastrexabilidade e compatibilidade coas plataformas dixitais municipais existentes, en coherencia cos obxectivos do proxecto «Ames Dixital Water».

Obxectivos do contrato: 
-Dotar ao municipio dunha rede de estacións de control para a medición de nivel e de aforo (caudal) de ríos, baseada en sensórica non intrusiva e adecuada para contornas fluviais.
-Mellorar a cobertura espacial e temporal da monitorización hidrolóxica, incrementando a capacidade de detección temperá de crecidas. 
-Incorporar medición hidrolóxica e meteorolóxica complementaria, facilitando a interpretación dos procesos de xeración de avenidas.
-Garantir a adquisición, rexistro e transmisión de datos de forma continua, con xeración de alarmas automáticas ante a superación de limiares definidos. 
-Facilitar a integración da información nas plataformas dixitais municipais, asegurando a interoperabilidade e a explotación directa dos datos pola Administración. 
-Proporcionar unha base instrumental sólida que permita mellorar os estudos de inundabilidade, reforzar os sistemas de alerta temperá e apoiar a toma de decisións en materia de protección civil e xestión da auga.

Novas relacionadas

El Correo Gallego:  "Ames invertirá más de 1,3 millones de euros para transformar digitalmente su ciclo del agua y prevenir inundaciones"

Apróbase a licitación do contrato de subministración de equipos para as estacións de control para a medición de nivel e aforo de ríos para alerta temperá fronte a inundacións