Pestanas principais

Apróbase a licitación do acondicionamento da estrada do Vilar a Quintáns, na Ameixenda, por 125.000 euros

Sábado, 20 de agosto de 2022

A Xunta de Goberno Local do pasado xoves 4 de agosto aprobou o expediente de licitación das obras de acondicionamento da estrada entre O Vilar e Quintáns, na parroquia da Ameixenda. As obras, que contan cun orzamento base de 125.073 euros, forman parte do POS+ 2021 da Deputación da Coruña. O proxecto inclúe a mellora da capa de rodaxe e a construción de dous treitos de senda peonil.

O Concello de Ames continúa o seu investimento nas infraestruturas e nos viarios do rural, desta volta coa mellora da estrada que une O Vilar e Quintáns, situada na parroquia da Ameixenda. A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 4 de agosto estas obras, que contan cun orzamento inicial de 125.073,25 euros e que servirán para mellorar a capa de rodaxe desta estrada, duns 810 metros de longo, e a construción de dous treitos de senda peonil á marxe da estrada.

Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo de mellora da estrada que une O Mercuto, na Ameixenda, co Lombao, na parroquia de Covas, e que conta con varias fases. A primeira delas foi adxudicada en Xunta de Goberno Local o pasado mes de decembro de 2021, e incluía melloras no viario que conecta ás aldeas do Mercuto e O Vilar, cun investimento de 80.978,85 euros.

Características das obras

Estas obras están orientadas á mellora da capa de rodaxe da estrada, que conta cun ancho medio de seis metros, e dunha superficie de abanicos e sobreanchuras, coa aplicación dun novo asfaltado, previa reparación de fochancas con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Ademais, proxéctase a construción de dous treitos de senda peonil, de 190 e 265 metros, e con anchuras medias de 1,50 e 1,80 metros, respectivamente, e que estarán formadas por unha capa de saburra e outra de pavimento de formigón. Baixo estas sendas instalarase unha canalización para a recollida das augas pluviais, coas súas correspondentes arquetas.

Por último, tamén se contempla a limpeza das gabias e a recuperación da súa sección,  co fin de garantir o correcto funcionamento hidráulico e a drenaxe da estrada. As actuacións completaranse coa correspondente sinalización horizontal e vertical.

O proxecto é parte do POS+ 2021 da Deputación da Coruña, que inclúe outras melloras nas infraestruturas do rural do concello, como as obras de pavimentación de interiores e accesos do núcleo de Ventín, na parroquia de Biduído, ou as obras de mellora do acceso a Trasmonte, na parroquia do mesmo nome, que tamén foron licitadas a comezos de mes.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, manifestaou a súa satisfacción porque "aínda en situacións adversas como a actual para a realización de obras seguimos a traballar e manter un bo ritmo de actuacións", e incidiu de novo "na aposta que este Goberno fai polo rural amesán, no que se está traballando e mellorando en moitos núcleos, ademais doutros investimentos importantes como o alumeado led ou a mellora dos servizos".

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Acondicionan a estrada que une os lugares de O Vilar e Quintáns"

Imaxe de arquivo da estrada O Vilar - Quintáns

Multimedia

  • Apróbase a licitación do acondicionamento da estrada do Vilar a Quintáns, na Ameixenda, por 125.000 euros
  • Apróbase a licitación do acondicionamento da estrada do Vilar a Quintáns, na Ameixenda, por 125.000 euros