Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras para realizar melloras térmicas e acústicas no pavillón do Milladoiro

Sábado, 03 de xuño de 2023

A Xunta de Goberno Local de Ames vén de aprobar, o pasado 16 de maio, o expediente de contratación das obras para realizar melloras térmicas e acústicas no pavillón polideportivo do Milladoiro.  O orzamento base de licitación de dito proxecto é de 94.506,38 euros (IVE incluído). O proxecto, que forma parte do POS+ 2021 inclúe o trasdosado interior dos paramentos verticais que delimitan a pista deportiva, así como o do paramento que se sitúa baixo as gradas, co obxectivo de crear unha unidade ben definida esteticamente e de aumentar o confort acústico.

O núcleo do Milladoiro vai gozar dunha renovación das condicións térmicas e acústicas do seu pavillón deportivo, tras a aprobación do proxecto pola Xunta de Goberno Local o pasado 16 de maio. As obras contan cun orzamento de 94.506,38 euros, incluídos no plan POS+ 2021.

A concelleira de Deportes en funcións, Susana Señorís, destacou que “o mantemento das instalacións municipais que temos é primordial. Con esta mellora ademais de arranxar problemas provocados polo paso do tempo, mellorase a acústica da instalación así como a sensación térmica, que ten a día de hoxe o pavillón polideportivo do Milladoiro”.

O proxecto de mellora recolle que o edificio presenta un bo estado de conservación, se ben se detectan algunhas fisuras e desconchados puntuais na parte inferior dos paramentos verticais. Así mesmo, puntualízase que o peche exterior carece de illamento.

Deste xeito, procederase ao trasdosado interior dos paramentos verticais que delimitan a pista deportiva, así como o do paramento que se sitúa baixo as gradas, co obxectivo de crear unha unidade ben definida esteticamente e de aumentar o confort acústico.

Neste senso, levaranse a cabo diversas obras. Por unha banda, o desmontado de todo tipo de obxectos e instalacións de superficie nos paramentos verticais nos que se vai intervir. A continuación, a reparación do revestimento de enfoscado danado, previo picado do mesmo e posterior enfoscado maestreado e fratasado.

Tras a retirada parcial do alicatado na primeira planta, procederase ao acondicionamento definitivo dos paramentos verticais interiores, empregando un trasdosado de taboado, realizando o revestimento perimetral de todos os ocos existentes mediante taboleiros de madeira termotratada e instalando outro trasdosado, que se situará enriba do estrado de madeira ata o remate do peche do bloque. Finalmente, repoñeranse os obxectos e instalacións previamente desmontadas.

Imaxe de arquivo do pavillón do Milladoiro