Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras para a construción dunha nova ponte en Piñeiro por valor de 60.380 euros

Martes, 31 de marzo de 2026

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o pasado xoves, 12 de marzo, o expediente de licitación das obras para a construción dunha nova ponte sobre o río Anduriña, afluente do río Tambre, ao seu paso pola parroquia de Piñeiro. O orzamento base de licitación ascende a 60.380,31 euros (IVE incluído). Este proxecto, que se sufraga con cargo á primeira fase do POS +Adicional 2/2025, enmárcanse dentro do plan de arranxo e mellora das vías e infraestruturas municipais.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos urbanos. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras para a construción dunha nova ponte sobre o río Anduriña, afluente do río Tambre, ao seu paso pola parroquia de Piñeiro. O orzamento base de licitación ascende a 60.380,31 euros (IVE incluído).

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que este “proxecto recolle as obras necesarias para a construción dunha nova ponte sobre o río Anduriña, afluente do río Tambre, ao seu paso pola parroquia de Piñeiro. A obra localízase nun viario municipal, de aproximadamente 3 metros de ancho, onde o paso sobre o río Anduriña está resolto mediante unha obra de drenaxe transversal de formigón e con aletas tamén de formigón”. 

Ademais, Gustavo Nieto explica que “a insuficiente capacidade hidráulica desta ponte sumada a diferentes episodios climáticos adversos, acontecidos nos últimos tempos, provocaron asolagamentos do camiño no que se localiza e o colapso parcial da ponte, polo que é necesario a construción dunha nova obra de drenaxe transversal”.

Características do proxecto
A través de dito proxecto preténdese a substitución da obra de drenaxe existente por outra que garanta a seguridade peonil e do tráfico rodado no viario, dando cumprimento ás premisas recollidas no Plan Hidrolóxico Galicia - Costa, que requiren a evacuación do caudal da avenida con período de retorno T=500 anos.

A nova obra de drenaxe corresponderase cun pórtico de sección total 8,00x2,10 metros, co obxectivo de permitir unha sección hidráulica libre mínima de 8,00x1,35 m (h agua para T=500 anos) e un resgardo de 25 centímetros de altura baixo o contacto do dintel e os hastiais, segundo requiren os cálculos hidráulicos realizados, quedando así as zapatas soterradas 25 centímetros baixo o leito do río. O taboleiro do pórtico contará cun ancho de 6 metros e executarase “in situ” con formigón armado mediante cimbra.

Para a execución da nova pontella, primeiramente, contémplase a demolición da obra de drenaxe transversal existente e posteriormente levarase a cabo o movemento de terras necesario para a execución da cimentación do pórtico. As zapatas terán unhas dimensións de 3,15x6,00x0,40 metros. O ancho dos muros será de 40 centímetros e sobre eles descansará o dintel que terá 40 centímetros de espesor. Toda a estrutura será realizada en HA-25 e aceiro B500S.

Unha vez executado o pórtico (zapatas, muros e lousa superior) e xa colocados os muros de acompañamento de pedras de granito, procedérase co reafirmado do camiño no entorno da obra con 20 centímetros de zahorra, 15 centímetros de grava con tratamento asfáltico semiprofundo e dobre tratamento superficial. Complétase a actuación coa colocación de pretil metálico sobre a nova estrutura prologada con barreira de seguridade. Tamén se prevé a rexeneración paisaxística do entorno afectado polas obras de construción da nova ponte, que será capaz de evacuar a enchente correspondente o período de retorno de 500 anos.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames construirá otro puente sobre el Anduriña en Piñeiro tras el colapso parcial del actual"

Bisbarra: "Ames aproba a licitación das obras para a construción dunha nova ponte en Piñeiro"

Apróbase a licitación das obras para a construción dunha nova ponte en Piñeiro por valor de 60.380 euros

Multimedia

  • Apróbase a licitación das obras para a construción dunha nova ponte en Piñeiro por valor de 60.380 euros
  • Apróbase a licitación das obras para a construción dunha nova ponte en Piñeiro por valor de 60.380 euros
  • Apróbase a licitación das obras para a construción dunha nova ponte en Piñeiro por valor de 60.380 euros