Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de rexeneración do campo de fútbol de Ortoño por preto de 270.000 euros

Venres, 14 de abril de 2023

A Xunta de Goberno Local de Ames vén de aprobar, o pasado 16 de marzo, o expediente de contratación das obras de rexeneración de espazos deportivos no campo de fútbol de Ortoño, por importe de 268.155 euros. O proxecto, que forma parte do POS+2022 da Deputación da Coruña, contempla a construción dunha pista destinada fundamentalmente á práctica da patinaxe e unha explanada pensada para a realización de diversos tipos de eventos.

O campo de fútbol de Ortoño, situado na parroquia de Ortoño, vai gozar dunha rexeneración tras a aprobación da iniciativa pola Xunta de Goberno Local o pasado xoves 16 de marzo. As obras contan cun orzamento de 268.155,30 euros, incluídos no plan POS + 2022.

O campo de fútbol de Ortoño data de 1993 e está integrado por un campo de fútbol natural, unhas gradas, unha zona de cantina, uns vestiarios e un pequeno almacén. O estado actual das instalacións e a non utilización das mesmas durante anos dá mostra da necesidade de rexenerar estes espazos.

O proxecto de rexeneración engloba a construción dunha pista de patinaxe e traballos de pavimentación e asfaltado no espazo restante. Por unha banda proponse a construción dunha pista con acabado en formigón pulido destinada fundamentalmente á disciplina da patinaxe. De forma anexa a esa pista contarase cunha explanada formada por un triplo tratamento asfáltico para ser utilizada tanto para a realización de probas en circuíto pechado para a obtención de permisos de circulación, como para a realización de diversos tipos de eventos.

O proxecto, tamén, inclúe a mellora do acceso rodado ao recinto. Para iso, executarase una nova apertura no muro de bloque de formigón de pechamento exterior existente, colocando un novo portalón de acceso e un viario coa mínima pendente para chegar á cota do campo.

Para levar a cabo as obras de aglomerado da explanada e aglomerado da pista de patinaxe, executarase en primeira instancia o despexe e roce de toda a superficie afectada, continuando coa escavación do terreo ata a nivelación da superficie que permita dispoñer dunha explanada. Para o caso da pista de patinaxe/multideporte realizarase unha soleira armada de formigón HA-25 de 15 cm de espesor con acabado pulido, que se asentará sobre 15 cm de grava. No caso da explanada aglomerada utilizarase o mesmo paquete que no viario de acceso, con 35 cm de ZA e 5 cm de MBC. Finalmente levarase a cabo a sinalización horizontal da explanada aglomerada destinada tanto á celebración de eventos como á realización de probas de circuíto para a obtención do permiso de circulación, e a sinalización da pista de patinaxe, dispoñendo tanto as liñas correspondentes que delimiten a superficie de patinaxe como a superficie de pista multideporte, segundo a normativa vixente.

Os traballos de estas dúas actuacións principais complementaranse cunha nova conexión de liña de alumeado para os antigos vestiarios e para as luminarias do antigo campo de fútbol, cunha nova conexión de abastecemento municipal de auga para os antigos vestiarios e coa substitución das carpinterías exteriores.

Mellora dos antigos campos de fútbol

O Concello de Ames leva anos traballando na mellora e acondicionamento dos antigos campos de fútbol para o uso deportivo. A senda iniciouse coa mellora do antigo campo de fútbol de Ventín e o seu acondicionamento para a práctica do atletismo. O proxecto inclúe a construción dunha zona de lanzamentos, accesos e vestiarios. Esta primeira fase vaise licitar ao longo de 2023 con fondos propios do Concello de Ames, a través do plan Ames Progresa.

A segunda parte deste proxecto é a construción dunha pista cuberta e dun espazo destinado a saltos de lonxitude, altura e pértega.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Reconvertirán el maltrecho campo de fútbol de Ortoño para patinar y acometer pruebas del permiso de conducir"

Enfoques: "Ames destinará 270.000 euros a regenerar el campo de fútbol de Ortoño"

Plano das pistas do campo de fútbol de Ortoño

Multimedia

  • Situación actual das pistas do campo de fútbol de Ortoño