Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de reparación da cuberta do pavillón polideportivo de Bertamiráns, por 170.758 euros

Sábado, 18 de marzo de 2023

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 2 de marzo, o expediente de contratación das obras de reparación da cuberta do pavillón polideportivo de Bertamiráns, por importe de 170.758,15 euros. O proxecto, que forma parte do POS+ 2022, contempla a colocación dun novo sistema de cuberta formado por un panel nervado de aceiro galvanizado, así como de paneis translúcidos. Para a fachada empregaranse paneis de chapa simple, e ademais instalarase un sistema de evacuación de augas pluviais.

O núcleo de Bertamiráns vai gozar dunha renovación da cuberta do seu pavillón deportivo, tras a aprobación do proxecto pola Xunta de Goberno Local o pasado xoves 2 de marzo. As obras contan cun orzamento de licitación de 170.758,15 euros, incluídos no plan POS+ 2022.

O proxecto de reparación da cuberta recolle que o edificio presenta algunhas patoloxías por deterioro co paso do tempo, tales como humidades e filtracións de auga que dificultan a utilización das instalacións en épocas de chuvia. Para o arranxo de ditas deficiencias, rehabilitarase integralmente o sistema de cubrición do polideportivo, renovando a totalidade da envolvente metálica que conforma a cuberta e parte das fachadas do edificio, substituíndoa por unha nova de panel metálico.

Deste xeito, o novo sistema de cuberta estará formado por panel nervado de aceiro galvanizado e prelacado en poliéster polas dúas caras, de 0,5 milímetros de espesor polo exterior e de 0,4 milímetros polo interior, e con illamento de poliuretano de 30 milímetros de espesor. Este sistema irá acompañado da colocación de tapaxuntas de aceiro e doutros elementos de fixación. Así mesmo, en cuberta instalaranse ademais paneis translúcidos de policarbonato polivalente alveolar de 30 milímetros de espesor e con protección UV polo exterior. Ditos paneis acompañaranse tamén de tapaxuntas e grampas de suxeición.

Na fachada colocaranse paneis de chapa simple de 0,6 milímetros de espesor, de aceiro galvanizado e prelacado con acabado de resina en poliéster siliconado polo exterior, previa instalación dunha estrutura auxiliar realizada en omega de 30 milímetros. Tamén se procederá á execución de remates e dos elementos de fixación necesarios.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explica que “esta instalación foi construída hai preto de 30 anos e nunca se fixo unha reparación importante na cuberta. Debido a iso trátase dunha obra importante e moi necesaria na que se executará un cambio total da cuberta. Polo tanto é una obra de mantemento moi necesaria, que se realiza co obxectivo de mellorar as condicións de uso, así como de garantir unha maior protección dos espazos interiores”.

Sistema de evacuación de augas pluviais
Para a evacuación das augas pluviais procederase á colocación dun caleiro de 0,6 milímetros de espesor de aceiro galvanizado e prelacado con acabado en resina de poliéster siliconado e colocado sobre soportes. Así mesmo, instalaranse baixantes de PVC de 125 milímetros de diámetro cos seus correspondentes elementos de fixación e abrazadeiras galvanizadas.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación da reparación da cuberta do pavillón deportivo de Bertamiráns. Este é un proxecto que está financiado a través do plan POS+2022 da Deputación da Coruña, e que vai servir para arranxar as humidades e filtracións de auga que producen no edificio por mor do desgaste da cuberta dende que o pavillón foi construído”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames adxudica por 170.000 euros a mellora do pavillón polideportivo de Bertamiráns"

La Voz de Galicia: "Sale a concurso la obra para reparar la cubierta del pabellón de Bertamiráns"

Enfoques: "El pabellón de Bertamiráns tendrá una nueva cubierta"

O pavillón deportivo de Bertamiráns

Multimedia

  • O pavillón deportivo de Bertamiráns