Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de pavimentación nas rúas Agro do Medio, do Rego e de Abaixo, no Milladoiro, por 201.411 euros

Sábado, 04 de marzo de 2023

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 16 de febreiro, o expediente de contratación das obras de pavimentación da rúa Agro do Medio, a rúa do Rego e a rúa de Abaixo, no Milladoiro, por importe de 201.411,51 euros. O proxecto, que forma parte do POS+ 2022, contempla a mellora da capa de rodaxe das tres rúas, e súmase a outras actuacións similares aprobadas recentemente. 

Tres rúas do núcleo urbano do Milladoiro van gozar dunha renovación da súa pavimentación, tras a aprobación do proxecto pola Xunta de Goberno Local o pasado xoves 16 de febreiro. O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 201.411,51 euros, incluídos no plan POS+ 2O22.

Deste xeito, en cada unha das rúas será executada unha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente a toda a plataforma, previo fresado doutros cinco centímetros da superficie actual. A actuación completarase coa reposición completa da sinalización horizontal das vías.

A recente aprobación desta obra acompaña a outras melloras incluídas no POS+ 2022, como a licitación da renovación da estrada de Castiñeiro do Lobo, na parroquia de Ames, por 242.451 euros.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “neste caso vaise actuar sobre tres rúas do Milladoiro, que precisan unha mellora do pavimento. Estas actuacións permitirán mellorar a súa seguridade viaria. Seguimos avanzando co plan POS+ 2022, que combina actuacións no rural e nos núcleos urbanos do concello”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames destina 200.000 euros a asfaltar y señalizar tres calles de O Milladoiro"

Planos das obras nas rúas Agro do Medio, do Rego e de Abaixo