Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de pavimentación de estrada do Lombao, na parroquia de Covas, por 146.503 euros

Mércores, 08 de marzo de 2023

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 23 de febreiro, o expediente de contratación das obras de pavimentación da estrada do Lombao por importe de 146.503,99 euros. O proxecto, que forma parte do POS+ 2022, contempla a mellora da capa de rodaxe do viario ao longo de 750 metros e a creación dunha senda peonil na marxe dereita da vía para darlle continuidade ás beirarrúas existentes. O proxecto recolle o arranxo da estrada que discorre dende O Lombao ata A Ameixenda.

O lugar do Lombao, na parroquia de Covas, vai gozar dunha renovación da pavimentación do seu viario, tras a aprobación do proxecto pola Xunta de Goberno Local o pasado xoves 23 de febreiro. O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 146.503,99 euros, incluídos no plan POS+ 2022.

A mellora da capa de rodaxe levarase a cabo mediante a execución en toda a plataforma dunha capa de 5 centímetros de aglomerado en quente, previa reparación das fochancas con 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Nos entronques do treito de actuación, e cando a rasante das beirarrúas existentes o requira, procederase ao fresado previo da capa de rodaxe.

A senda peonil contará cunha lonxitude total de 390 metros e 1,80 metros de ancho medio. Executarase con 15 centímetros de formigón, sobre 20 centímetros de zahorra. Na marxe exterior disporase dun bordo de formigón prefabricado.

Baixo a senda executarase a rede de recollida de augas pluviais mediante canalización de PVC de 400 milímetros de diámetro e arquetas con sumidoiro. Tamén se disporá tubo de polipropileno de 90 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas para a rede de alumeado público.

Finalmente, contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, a sinalización horizontal da estrada, a colocación dunha sinal de STOP e o retranqueo de dous postes.

Mellora do viario entre O Lombao e A Ameixenda
O proxecto recolle o arranxo da estrada que discorre dende O Lombao ata A Ameixenda, que ten unha lonxitude aproximada de 750 metros. Esta obra forma parte dun proxecto máis amplo para arranxar toda a estrada. Comezouse co tramo que discorre entre O Mercuto e O Vilar e agora estase executando un segundo tramo dende O Vilar ata Quintáns, na parroquia da Ameixenda.

A través do Plan Único de 2023 continuarase coa mellora de dita estrada cos proxectos de pavimentación do viario desde Quintáns ata Cortegada e coa creación dunha senda de seguridade peonil desde O Mercuto ata Quintáns.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación da mellora da pavimentación do Lombao, en Covas. O proxecto está financiado a través do plan POS+2022 da Deputación da Coruña, e súmase ás recentes melloras executadas noutros núcleos de Ames, que pretenden facer do noso rural un lugar atractivo para vivir”.

“Neste caso ademais de mellorar o firme do pavimento do principal viario do Lombao vaise a mellorar a seguridade peonil creando unha senda na marxe dereita da vía para darlle continuidade ás beirarrúas existentes neste núcleo”, sinala o rexedor municipal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames pavimentará a estrada de Lombao ata Ameixenda e construirá unha senda peonil"

AMS GO!: "Aprobada a pavimentación da estrada do Lombao"

Enfoques: "Ames pavimentará y mejorará el vial entre O Lombao y A Ameixenda"

Plano das obras no Lombao