Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar por 250.773 euros

Xoves, 30 de marzo de 2023

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 9 de marzo, o expediente de contratación das obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar, por importe de 250.773,87 euros. O proxecto, que forma parte do POS+2022, ten por obxecto o acondicionamento das vías co fin de incrementar a súa funcionalidade e a seguridade.

As estradas de A Garea e Sandar, na parroquia de Agrón, van gozar dunha renovación da súa pavimentación, tras a aprobación do proxecto pola Xunta de Goberno Local o pasado xoves 9 de marzo. O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 250.773,87 euros, incluídos no plan POS+2022 da Deputación da Coruña.

Para os viarios interiores dos núcleos proxéctase a demolición do pavimento actual e a execución dun novo pavimento de 15 centímetros de formigón con mallazo sobre unha capa de zahorra de 10 centímetros de espesor. En ámbalas marxes disporase dunha franxa de 30 centímetros de lastra de granito, coa que se realizarán cortes transversais no pavimento de formigón.

A estrada que une os núcleos acondicionarase mediante a mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rega de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas con 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. As actuacións deste treito completaranse coa limpeza das gabias e a recuperación da sección hidráulica para garantir unha correcta drenaxe da plataforma.

Para o treito da estrada dende a saída de A Garea, en dirección norte, preténdese a mellora da súa capa de rodaxe mediante a aplicación de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente, previa reparación de fochancas de 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

No núcleo de A Garea empregarase un muro de perpiaños de pedra granítica de 65 metros de lonxitude como barreira de protección fronte á diferenza de cotas co terreo contiguo á estrada.

Ademais, tanto no núcleo de A Garea como no treito de saída en dirección norte proxéctase unha rede de drenaxe composta por canalización de PVC de 400 milímetros de diámetro, arquetas con sumidoiro, pozos de rexistro e arquetas para colector. Así mesmo, fóra do núcleo tamén se executarán diversos treitos de cuneta se seguridade revestida con 10 centímetros de formigón e mallazo. No interior do núcleo de A Garea a rede de drenaxe complétase coa execución “in situ” de 43 milímetros de caz de formigón con reixa.

A aprobación deste proxecto acompaña a outras melloras incluídas no POS+2022, como as obras de pavimentación da avenida do Muíño Vello, no Milladoiro, ou das rúas de Muíño e Rosaleda e a travesía de Paraxó, en Bertamiráns.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destaca que “con esta obra vaise mellorar o pavimento das estradas de A Garea e Sandar, co obxectivo de que estean correctamente acondicionadas e incrementando a súa funcionalidade e seguridade. O proxecto forma parte do plan POS+2022, co que seguimos mellorando distintas vías tanto nas zonas rurais como nas urbanas do concello”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Mejorarán los viales y el firme de los núcleos de A Garea y Sandar en Agrón"

O acondicionamento das vías ten como fin incrementar a súa funcionalidade e seguridade

Multimedia

  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar por 250.773 euros
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar por 250.773 euros
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar por 250.773 euros
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar por 250.773 euros
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar por 250.773 euros