Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de pavimentación da rúa Agro da Vella no Milladoiro por 326.160 euros

Venres, 29 de agosto de 2025

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación das obras de pavimentación da rúa Agro da Vella, situada no núcleo urbano do Milladoiro. O orzamento base de licitación ascende a 326.160,41 euros. Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ 2025, enmárcanse dentro do plan de arranxo e mellora das vías e camiños municipais. Este proxecto está incluído na Achega provincial de 2025. A través de dito proxecto vaise reordenar do tráfico rodado e executar a renovación completa da pavimentación da rúa Agro da Vella, que vai pasar a contar cun só sentido de circulación cara a avenida do Muíño Vello, aparcamento en liña na marxe esquerda  e aparcamento en batería oblicuo na marxe dereita. Ademais, vanse ampliar as beirarrúas en ambas marxes.

As actuacións proxectadas teñen por obxecto a reordenación do tráfico rodado e a renovación completa da pavimentación da rúa Agro da Vella, no núcleo urbano de O Milladoiro. Coa solución proxectada a rúa contará cun só sentido de circulación cara a avenida do Muíño Vello, aparcamento en liña na marxe esquerda de 2 metros de ancho, aparcamento en batería oblicuo na marxe dereita e beirarrúas, en ambas marxes, con anchos de 2,5 metros. 

Ademais, prevese o acondicionamento dun noiro a fin de facilitar o seu emprego como espazo de lecer. Deste xeito, vaise a acondicionar a zona verde que se atopa na parte traseira da EEI do Milladoiro para que poida ser usada pola veciñanza como zona de ocio.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “este proxecto forma parte do POS+ 2025 aprobado no pasado mes de febreiro. No POS principal inclúese a execución de seis proxectos por valor de 1.073.870 euros. Neste caso vaise a executar un proxecto que recolle a reordenación completa da rúa Agro da Vella, xa que se vai reordenar o tráfico para que esta rúa pase a contar con sentido único de circulación, e zonas e aparcamento nas dúas marxes da rúa. Ademais, vanse ampliar as beirarrúas para que a veciñanza dispoña de máis espazo peonil”.

Actuacións previstas no proxecto
Para as beirarrúas proxéctase un pavimento con baldosa de formigón vibrado de 60x40 centímetros granallada sobre 10 centímetros de formigón sobre zahorra para a súa nivelación. Como elementos de separación coa calzada proxéctase un bordo de formigón prefabricado cunha rígola executada con 10 centímetros de formigón con mallazo. Nos pasos de peóns disporase pavimento táctil direccional e de botóns segundo o disposto na normativa de accesibilidade vixente. Na plataforma do viario disporase unha nova capa de rodaxe composta por 5 centímetros de mestura bituminosa en quente.

O novo espazo de lecer configurarase por unha explanada executada con 15 centímetros de formigón con mallazo sobre 15 centímetros de zahorra, previo o correspondente movemento de terras, delimitada por perpiaño granítico de dimensións 50x50 centímetros contra noiro verde. Tamén se prevé a execución dun sendeiro con 10 centímetros de formigón sobre 10 centímetros de zahorra delimitado con bordo prefabricado de formigón.

Coa nova remodelación da rúa proxéctase a completa renovación do sistema de iluminación pública con tubo de PP 90 milímetros de diámetro, cableado, a instalación de 27 columnas cilíndricas de aceiro de 5 metros de altura, 35 luminarias, 7 balizas led e as correspondentes arquetas. Tamén se prevé a adaptación dos sumidoiros e a elevación dos pasos de peóns existentes. Completan a actuación a correspondente sinalización horizontal e vertical, a plantación de árbores, a colocación de 2 bancos de formigón con madeira e dúas xardineiras

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Ames aprueba la licitación del pavimentado de la rúa Agro da Vella, en O Milladoiro"

El Correo Gallego: "Ames licita a reubanización da rúa Agro da Vella no Milladoiro"

Xornal de Compostela: "O Milladoiro remodelará a rúa Agro da Vella cun investimento de 326.000 euros"

Diario de Santiago: "Apróbase a licitación das obras de pavimentación da rúa Agro da Vella no Milladoiro por 326.160 euros"

AMSGO!: "A pavimentación da rúa Agro da Vella no Milladoiro por 326.160 euros servirá para facer unha “reordenación completa” do tráfico da rúa"

Apróbase a licitación das obras de pavimentación da rúa Agro da Vella no Milladoiro por 326.160 euros

Multimedia

  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación da rúa Agro da Vella no Milladoiro por 326.160 euros
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación da rúa Agro da Vella no Milladoiro por 326.160 euros