Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de pavimentación da estrada de Castiñeiro do Lobo, na parroquia de Ames, por 242.451 euros

Sábado, 25 de febreiro de 2023

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 16 de febreiro, o expediente de contratación das obras de pavimentación da estrada de Castiñeiro do Lobo, na parroquia de Ames, por 242.541,55 euros. O proxecto, que forma parte do POS+ 2022, contempla o acondicionamento ao longo de 830 metros, co fin de mellorar a funcionalidade e a seguridade da vía.

Castiñeiro do Lobo, na parroquia de Ames, sumarase aos lugares onde se realizan melloras nas infraestruturas das zonas rurais aprobadas polo Concello de Ames, contando cunha estrada renovada e acondicionada. A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación deste proxecto o pasado xoves 16 de febreiro, cun orzamento de 242.541,55 euros incluídos no plan POS+ 2022.

A actuación inclúe unha limpeza previa ao comezo das obras das marxes da estrada, así como a demolición da cuneta de formigón existente e do pavimento das entradas a vivendas. Tamén se executará o fresado da capa de rodaxe do treito inicial, de 350 metros de lonxitude. Así mesmo, proxéctase a mellora de dita capa de rodaxe, previa reparación de fochancas con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

No segundo treito, de 480 metros de lonxitude, executarase unha cuneta transitable de 1,50 metros de ancho medio por ámbalas marxes, mediante 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón en pavimento con mallazo. A cuneta disporá un bordo na súa parte exterior.

A drenaxe superficial da plataforma para o segundo treito levarase a cabo mediante canalización de PVP baixo a cuneta, arquetas con sumidoiro e arquetas para recolector. No caso do treito inicial, mantéñense os elementos para a recollida de augas pluviais existentes. Para rematar, as actuacións completaranse coa sinalización horizontal e vertical correspondente.

A licitación desta obra acompaña a outras melloras aprobadas recentemente en infraestruturas similares do rural. O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, puxo en valor “a aposta do Goberno polo rural amesán, xa que estamos realizando investimentos importantes para renovar as vías e infraestruturas do rural e fomentando que os nosos núcleos sexan lugares atractivos para vivir”.

Plano do proxecto en Castiñeiro do Lobo