Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de mellora dos camiños en Quintáns e de Proupín a Lamas incluídas no Plan Camiña Rural 2025-2026

Domingo, 03 de agosto de 2025

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o pasado 10 de xullo o expediente de licitación das obras de mellora do camiño en Quintáns e do viario que vai de Proupín a Lamas, incluídas no Plan Camiña Rural 2025-2026. O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 67.430,88 euros (IVE incluído) e forma parte do Plan Camiña Rural 2025-2026. Este proxecto foi aprobado previamente no pleno ordinario  celebrado o pasado 26 de xuño de 2025.

O proxecto de mellora do camiño de Quintáns e outro está incluído no Plan Camiña Rural 2025-2026, cuxa finalidade é a execución de obras para conservar e mellorar as infraestruturas rurais, en particular os camiños rurais, facilitando así a accesibilidade e vertebración do territorio e contribuíndo ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) aprobou as normas para a xestión do procedemento de concesión directa das axudas correspondentes ao plan Camiña Rural para o período 2025-2026. O importe máximo da subvención para o Concello de Ames ascende a 55.728 euros, mentres que o Concello de Ames achega a contía de 11.702,88 euros. O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 67.430,88 euros (IVE incluído). Dito gasto está dividido en dúas anualidades: 32.850,92 euros en 2025 e 34.579,96 euros en 2026.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que “para participar na convocatoria deste plan elaborouse o proxecto denominado Mellora de camiño en Quintáns e outro, que conta cun presuposto total de execución por contrata de 67.430,88 euros, dos cales 11.702,88 euros son a parte correspondente ao IVE, que debe asumir o Concello de Ames. Este proxecto contempla actuacións para a mellora do camiño en Quintáns; e mellora do camiño de Proupín a Lamas”.

Mellora do camiño de Quintáns
As obras de mellora executaranse nun camiño de 460 metros de lonxitude e un ancho medio de 3 metros, xunto cunha superficie de 25 metros cadrados no entronque. En dita superficie procederase á pavimentación do camiño con 15 centímetros de zahorra artificial. Previamente, nun treito de 170 metros disporase unha capa de regularización de 5 centímetros de espesor medio. Nos 290 metros restantes será preciso proceder á roza e limpeza do camiño e á retirada da terra vexetal. 

Previo á capa de zahorra executarase unha base con 40 centímetros de material de préstamo. As tarefas de pavimentación complétanse coa execución de 15 centímetros de pedra 32/63 mm, tratamento semiprofundo, tratamento superficial e tratamento de selado.

No contacto entre o entronque do camiño co viario asfaltado colocarase unha canaleta prefabricada de PVC con reixa de fundición clase D – 400 para a recollida de augas pluviais, xunto cun pozo de rexistro para o seu desaugamento á rede de drenaxe existente. Tamén se contempla a limpeza de cunetas en ámbalas marxes e a colocación de 1 sinal de stop.

Mellora de Camiño de Proupín a Lamas
Nun treito de 190 metros de lonxitude e 5,50 metros de ancho medio, xunto cunha superficie de 30 metros cadrados no entronque, procederase á pavimentación mediante 15 centímetros de pedra 32/63 mm, tratamento semiprofundo, tratamento superficial e tratamento de selado. Nun treito de 930 metros de lonxitude e 3,00 metros de ancho medio disporase unha capa de 15 centímetros de zahorra sobre unha capa de regularización de 5 centímetros de espesor medio con material de préstamo. Previamente procederase ó saneo das zonas máis deterioradas con pedraplén. Tamén se contempla a limpeza de cunetas en ámbalas marxes e a colocación de 1 sinal de stop.

Apróbase a licitación das obras de mellora dos camiños en Quintáns e de Proupín a Lamas incluídas no Plan Camiña Rural 2025-2026

Multimedia

  • Apróbase a licitación das obras de mellora dos camiños en Quintáns e de Proupín a Lamas incluídas no Plan Camiña Rural 2025-2026
  • Apróbase a licitación das obras de mellora dos camiños en Quintáns e de Proupín a Lamas incluídas no Plan Camiña Rural 2025-2026