Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de mellora do acceso a Tarrío, en Bugallido, por 65.000 euros

Sábado, 24 de setembro de 2022

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación da mellora da pavimentación do viario de acceso a Tarrío, na parroquia de Bugallido. Cun orzamento base de 64.767,83 euros, o proxecto, parte do Plan Ames Progresa 2021-2023, inclúe actuacións ao longo de máis dun quilómetro de capa de rodaxe, e súmase a obras similares recentemente aprobadas nas parroquias de Bugallido, A Ameixenda ou Trasmonte.

O núcleo de Tarrío, na parroquia de Bugallido, súmase ás recentes melloras nas infraestruturas do rural aprobadas polo Concello de Ames, e contará cunhas vías de acceso renovadas e acondicionadas. A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación deste proxecto o pasado xoves 1 de setembro, cun orzamento de 64.767, 83 euros incluídos no Plan Ames Progresa 2021-2023.

A actuación inclúe melloras ao longo de máis dun quilómetro de viario, repartidas en dous treitos de 350 e 710 metros, con anchuras de 4,30 e 5 metros, respectivamente. Nestes dous tramos de aglomerado repararanse as fochancas con grava e tratamento asfáltico, para despois aplicar unha nova capa de asfalto en quente. Ademais, ao longo destes 1.060 metros limparanse as marxes do viario.

Como detalle, no treito de 710 metros, que discorre entre beirarrúas, levarase a cabo un fresado en varias zonas puntuais, co fin de respectar a rasante actual de accesos e bordos. As actuacións pecharanse finalmente coa sinalización horizontal e vertical da vía.

A licitación desta obra acompaña a outras melloras recentes en infraestruturas similares no rural, como as dos accesos a Eirapedriña, na propia parroquia de Bugallido, por 162.708,24 euros; a estrada entre O Vilar e Quintáns, na Ameixenda, cun orzamento inicial de 125.073,25 euros, ou o acceso ao núcleo de Trasmonte, cuxa licitación foi aprobada por 156.527,97 euros.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou “a aposta que este Goberno fai polo rural amesán, no que se está traballando e mellorando en moitos núcleos, ademais doutros investimentos importantes como o alumeado led ou a mellora dos servizos. A través de ditas melloras tratamos de que os nosos núcleos sexan lugares atractivos para vivir. Ademais, avanzamos co Plan Ames Progresa, co que seguimos coas actuacións nas vías e infraestruturas do rural”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Pondrán fin a los baches con la mejora de accesos a Tarrío"

Imaxe do lugar de Tarrío

Multimedia

  • Imaxe do lugar de Tarrío
  • Imaxe do lugar de Tarrío
  • Imaxe do lugar de Tarrío
  • Imaxe do proxecto
  • Imaxe do proxecto