Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de construción da senda entre Covas e Bertamiráns por 137.461 euros

Xoves, 13 de xullo de 2023

A Xunta de Goberno Local de Ames vén de aprobar, o pasado 6 de xullo, o expediente de contratación das obras de construción da senda de Covas a Bertamiráns, por importe de 137.461,58 euros. O proxecto, que forma parte do Plan Ames Progresa 2021-2023, contempla a execución dun itinerario de 480 metros de lonxitude en pavimento de formigón. As actuacións completaranse co retranqueo e a reposición de oito postes cara o exterior da senda e a execución e sinalización horizontal e vertical da vía.

A veciñanza de Ames gozará dunha senda entre os núcleos de Covas e Bertamiráns. As actuacións que contempla o proxecto, que foi aprobado na Xunta de Goberno Local do pasado 6 de xullo, teñen por obxecto a construción dun itinerario peonil que permitirá á poboación desenvolver os seus desprazamentos en condicións óptimas de seguridade e accesibilidade.

Con ese fin, proxéctase a execución dunha senda peonil duns 480 metros de lonxitude e 1,80 metros de ancho en pavimento de formigón coloreado con mallazo de 12 centímetros de espesor sobre 20 centímetros de zahorra. A senda discorrerá pola marxe dereita, agás o treito inicial ata a ponte, que se disporá pola esquerda, dende a beirarrúa existente.

A continuidade do itinerario peonil sobre o Rego dos Pasos levarase a cabo mediante un pórtico de formigón armado, de 7 metros de lonxitude, 2,50 metros de ancho e 2,50 metros de altura, anexo á estrutura existente pola marxe dereita.

Por outra banda, a diferencia de cotas entre a estrada e os terreos contiguos salvarase coa execución dun muro de contención de pedra granítica, de 135 metros de lonxitude. Sobre o muro disporase dunha varanda metálica para a protección dos peóns. No resto da senda disporase un bordo de delimitación na súa aresta exterior.

Para a recollida de augas pluviais contémplase unha canalización soterrada de 400 milímetros de diámetro, arquetas con sumidoiro e arquetas para colector con reixa nos cruzamentos da rede. Tamén se disporá canalización de alumeado público, mediante tubo de PVC e arquetas prefabricadas.

As actuacións completaranse co retranqueo e a reposición de oito postes cara o exterior da senda e a execución e sinalización horizontal e vertical da vía.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, sinala que “a execución das obras desta senda garantirán que a veciñanza conte cunha alternativa de desprazamento a pé entre Covas e Bertamiráns que sexa accesible. Ademais da pavimentación da zona, vanse levar a cabo traballos de reposición do alumeado público e a sinalización do itinerario. Trátase dunha aposta do concello pola seguridade peonil. Esta actuación sumarase as recentes melloras que se están levando a cabo noutros núcleos de Ames, como a construción doutra senda peonil na parroquia de Biduído”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, explica que “esta obra vén a dar resposta a unha petición histórica dos veciños e veciñas de Covas, que é a de conectar de xeito peonil esta parroquia con Bertamiráns. Damos así un paso importante, tamén, que é seguir creando sendas que comuniquen o rural e melloren a seguridade viaria”.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Unha senda peonil unirá Covas con Bertamiráns"

Enfoques: "Ames destina 137.000 euros a construir una senda entre Covas y Bertamiráns"

A senda peonil conectará o núcleo rural de Covas con Bertamiráns

Multimedia

  • Apróbase a licitación das obras de construción senda entre Covas e Bertamiráns por 137.461 euros
  • Apróbase a licitación das obras de construción senda entre Covas e Bertamiráns por 137.461 euros
  • Apróbase a licitación das obras de construción senda entre Covas e Bertamiráns por 137.461 euros
  • Apróbase a licitación das obras de construción senda entre Covas e Bertamiráns por 137.461 euros