Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras da Ponte Cabirta no río Sar

Sábado, 08 de maio de 2021

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación das obras de protección e consolidación da calzada e do arco da Ponte Cabirta, situada no rio Sar ao seu paso pola parroquia amesá de Bugallido. O importe total da licitación é de 36.000 euros (IVE incluído) dos que 27.000 serán aportados pola Deputación Provincial de A Coruña. As obras permitirán protexer e consolidar a calzada e o arco, rehabilitar o paso peonil e reparar o lousado das ribeiras.

As obras que se desenvolverán na Ponte Cabirta permitirán protexer e consolidar a calzada e o arco. Contémplase tamén a rehabilitación do paso peonil, a consolidación da obra de fábrica sen alterar a xeometría actual e a reparación do lousado das ribeiras. Nas zonas que conten con lousado danado, procederase á recuperación das pedras para a súa nova montaxe.

A actuación inclúe tamén tarefas de roza en ambas marxes, nunha franxa de 6 metros a cada lado do camiño. Á súa vez, proxectarase a instalación de dous canos para facilitar a conservación do camiño, que agora formará parte dunha ruta de sendeirismo. Un dos canos terá 30 centímetros de diámetro para a drenaxe transversal de augas de escorrentía. O outro cano, de 60 centímetros cruzará a canle existente. Tamén se construirán dous badéns de pedra coa mesma finalidade.

A construción do novo paso adaptarase ao réxime hidrolóxico, reducindo ao mínimo o impacto na sección natural neste tramo do río. O material escollido para a pasarela será de aceiro corten. A estrutura contará cunha varanda de tubo de 30 milímetros de diámetro na rocha para indicar a dirección de tránsito na zona dereita da pasarela, que contará con dous chanzos.

A obra suporá tamén a instalación de dous bolardos de sección cadrada para soportar os impactos das arbores que poida arrastrar o río nas crecidas e a colocación de sinalización que indique a necesidade de precaución no novo paso.

Para David Santomil, responsable da área de Patrimonio Histórico, "é unha boa nova, despois dos moitos trámites administrativos e autorizacións que tivemos que realizar. A recuperación ambiental e do patrimonio do río Sar é unha prioridade para o Concello de Ames e a Plataforma pola Defensa do Río Sar". Con esta actuación de protección, conservación e posta en valor da ponte Cabirta agardamos recuperar unha pequena xoia da arquitectura tradicional galega no val da Maía, que ademais é única e moi orixinal como así o destaca o responsable do proxecto Manuel Durán, enxeñeiro especialista neste tipo de traballos".

Está previsto que a totalidade das actuacións poidan realizarse no verán de 2021, cando o caudal do río Sar o permita. Todas as actuacións son resultado da colaboración institucional entre a Deputación da Coruña e o Concello de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Maía va a volver a presumir de Ponte Cabirta este verano"

Ponte Cabirta