Pestanas principais

Apróbase a licitación das melloras na piscina municipal descuberta do Milladoiro por 80.000 euros

Venres, 22 de xullo de 2022

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación das obras de reparación e mellora da piscina descuberta do Milladoiro, que se executarán unha vez rematado o seu período de apertura no verán. O proxecto, cun orzamento base de 80.000 euros, é parte do plan Ames Progresa 2021-2023 e inclúe a colocación dun novo peche metálico, novo filtrado e depuración, e a impermeabilización das piscinas.

A piscina descuberta municipal do Milladoiro vai gozar dunha mellora no seu mantemento, que se verá facilitado polos novos materiais impermeables dos vasos das piscinas e polas novas instalacións de filtrado e depuración. A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este proxecto a finais de xuño, e conta cun orzamento inicial de 79.999,98 euros a cargo do Plan Ames Progresa 2021-2023. As obras, unha vez adxudicadas, non afectarán ao funcionamento actual da piscina, xa que non comezarán ata rematado o seu período de apertura, do 15 de xuño ao 15 de setembro.

Por unha parte, actuarase retirando o peche existente e colocando no seu lugar un novo valado formado por paneis de malla metálica duns dous metros de altura, que rodeará toda a parcela. Este cambio no espazo das instalacións irá acompañado dun novo pavimento no acceso oeste da piscina, preto dunha zona arborada, na que se nivelará o terreo e se colocarán baldosas de granito para crear unha entrada que respecte as normativas de accesibilidade.

Por outra banda, no que se refire ao propio funcionamento e estado das piscinas, melloraranse e repararanse as ferramentas de filtrado e depuración actuais. Primeiro, os filtros actuais baleiraranse de area, repararanse as súas paredes e contarán cun novo recheo de cristal filtrante de areas. Ademais, instalarase un equipo automático de clorado e sulfatado de auga, cun regulador de PH automático para a piscina e a auga potable dos vestiarios.

Ademais, os muros dos vasos das piscinas contarán cun novo revestimento que mellore a súa impermeabilidade. Para isto, instalarase un muro de superficie irregular de plaquetas cerámicas, composto de cementos especiais para favorecer a impermeabilización e o mantemento do estado da auga. As piscinas contarán tamén cun novo revestimento antiescorregadizo, resistente ao cloro e ás manchas. Por último, repasaranse as pezas do borde da piscina con pezas de formigón ou pedra, e substituiranse as deterioradas.

Investimento na piscina ao aire libre “máis empregada do concello”

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “a piscina descuberta do Milladoiro é unha das instalacións municipais máis empregadas durante a época estival. Isto provoca que requira dun mantemento periódico. Debido a iso decidiuse facer unha importante mellora das súas instalacións a través do plan Ames Progresa. Vaise aproveitar o verán para tramitar o expediente de licitación e unha vez pechen as instalacións, a partir do 15 de setembro, xa se poderán executar as obras”.

Por outra banda, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, incidiu “na necesidade que ten a piscina do Milladoiro dunha mellora nas súas instalacións, xa que é a piscina descuberta máis empregada do concello. Trátase dun investimento moi necesario e que leva sendo reclamado pola veciñanza amesá dende hai tempo. Deste xeito, trataremos de mellorar estas instalacións de cara ao vindeiro verán”.

Cómpre lembrar que nas piscinas descubertas municipais, ademais de atender a demanda das persoas que asisten a ditas instalacións por lecer, tamén se realizan sesións de aquagym e ioga, de balde, durante o mes de xullo. As clases de ioga desenvólvense polas mañás, a partir das 10:00 horas, con dúas sesións á semana dunha hora de duración. Por outra parte, ás 16:00 horas, impártense clases de aquagym, cuxas sesións de 45 minutos se imparten os martes na piscina de Bertamiráns e os mércores nas instalacións do Milladoiro.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La piscina de O Milladoiro tendrá una malla metálica de ocho metros de altura"

El Correo Gallego: "Milladoiro vai ter piscina renovada no próximo verán"

Enfoques: "El Concello de Ames invertirá 80.000 euros para mejorar la piscina descubierta de O Milladoiro"

Imaxe da piscina descuberta do Milladoiro

Multimedia

  • Apróbase a licitación das melloras na piscina municipal descuberta do Milladoiro por 80.000 euros