Pestanas principais

Aprobase a licitación da senda peonil que unirá Outeiro, en Bugallido, con Costoia, no límite con Santiago

Xoves, 15 de outubro de 2020

A Xunta de Goberno Local, en sesión do 8 de outubro de 2020, aprobou a licitación das obras da senda peonil que unirá Outeiro e Costoia por valor de 184.547,41 euros. O expediente de contratación aprobouse mediante procedemento aberto simplificado, e esta senda vén a cumprir unha vella demanda da veciñanza da zona; mellorando, ademais, a seguridade peonil nesa estrada.

Unha senda peonil de 1.115 metros de lonxitude unirá as aldeas de Outeiro, na parroquía de Bugallido, e Costoia, na parroquía de Biduído. Esta previsto que a senda se divida en sete treitos de 60x2,50; 220x1,50; 30x2,50; 100x1,50; 325x2,00; 220x2,00 e 160x1,00 m. Con colocación de 1.335 m. de bordo de formigón prefabricado (1.115 m. entre senda e calzada e 220 m. exterior para protección de taludes1.1), dez centímetros de zahorra de canteira e doce de formigón, incluso mallazo e xuntas de dilatación, previa execución de movemento de terras preciso.

Previo á execución do pavimento preténdese a canalización de tubería de PVC de 315 mm. De diámetro e execución de 32 pozos de rexistro con sumidoiro para recollida de augas pluviais, e canalización de tubo de polipropileno verde para iluminación pública, todo elo previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma.
Asemade, inicialmente contémplase a construción dun muro de bloques de granito de 100 m. de lonxitude e 1,00 m. de alto, para contención de terras e colocación de varanda metálica para protección. Por outra banda, a obra contempla a reposición do pavimento afectado pola execución das obras e unha partida, a adaptación de pozos e arquetas existentes á nova rasante e o traslado de postes.

Vella demanda veciñal
Esta obra vén a atender unha antiga demanda da veciñanza dos lugares de Outeiro e Quistiláns, na parroquia de Bugallido; e Framil e Costoia, na parroquia de Biduído; porque mellorará notablemente a seguridade peonil nesa estrada que comunica co veciño concello de Santiago de Compostela. E, con esta mellora permitirase o tránsito peonil entre os núcleos e, polo tanto unha mellor comunicación.

Para o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García esta obra “vén a unirse a outras que levamos realizando xa no noso concello, tanto no anterior mandato como no actual, e que consiste na canalización de cunetas para a construción de sendas peonís”. A senda da Condomiña, a de Vilouta (Tapia), Eirapedriña e Framán (Bugallido), Biduído de Abaixo, primeiro tramo da estrada de Lapido, etc. xa construídas, xunto coas de Sisalde a Agro do Muíño, e Lapido a Maguxe (Ortoño), Ventín a Coira (Biduído) xa proxectadas e orzamentadas, forman parte da futura rede de conexión peonil de núcleos do concello, explica Blas García, “con esta rede peonil pretendemos unir e darlle conexión peonil a diferentes núcleos do noso municipio para facilitar o tránsito a pé con seguridade”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames licita la esperada senda peatonal para unir Outeiro y Costoia"

Compostela 24 horas: "Aprobase a licitación da senda peonil que unirá Outeiro, en Bugallido, con Costoia, no límite con Santiago"

Aprobase a licitación da senda peonil que unirá Outeiro, en Bugallido, con Costoia, no límite con Santiago