Pestanas principais

Apróbase a licitación da obra de mellora de espazos verdes con acceso rodado no parque empresarial Novo Milladoiro

Sábado, 09 de abril de 2022

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación para a licitación das obras de acondicionamento para a mellora de espazos verdes con acceso rodado no parque empresarial Novo Milladoiro. Este proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de 150.000 euros, está sufragado con cargo á primeira fase do POS+ Adicional 2/2021. A través desta obra o que se pretende é acondicionar e mellorar os espazos verdes existentes con acceso rodado. A través de dita mellora o que se fará é incrementar o número de prazas de estacionamento e ao mesmo tempo vaise reordenar o espazo, pero mantendo parte da zona verde. Ademais, vaise dotar de iluminación interior a ditos espazos, así como acondicionar as zonas axardinadas e sendas peonís.

Debido ao desenvolvemento experimentado durante os últimos anos no parque empresarial do Milladoiro existe unha afluencia constante e crecente de vehículos que acoden ao polígono, xa sexa diariamente por motivos laborais ou como clientela das diferentes empresas ali asentadas. Isto provoca que haxa unha falta de zonas de estacionamento para os vehículos que acoden a dito parque empresarial.

Para tratar de paliar a falta de prazas de estacionamento vaise executar un proxecto de acondicionamento para a mellora de espazos verdes con acceso rodado no polígono de Novo Milladoiro. Esta obra vaise acometer nos espazos verdes anexos ao norte da rúa Castiñeiras. As obras de renovación contemplan a mellora da accesibilidade rodada ao interior das parcelas, creando novos pavimentos e instalando un sistema de iluminación no interior das mesmas.

Tamén se contemplan actuacións no pavimento e zonas verdes, para reacondicionar as parcelas, aumentando o numero de prazas de aparcamento dispoñibles no parque empresarial do Milladoiro, e mellorando a accesibilidade, tanto peonil como rodada, no interior das parcelas, a vez que se mellora o estado da iluminación, e das zonas verdes obxecto da intervención. O importe base de licitación ascende a 123.763,56 euros, máis IVE (21%) 25.990,35 euros, o que fai un total de 149.753,91 euros.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que  “actualmente existe un problema de falta de espazo para estacionar no parque empresarial Novo Milladoiro. A través desta actuación preténdese reacondicionar un espazo que xa existen incrementando as prazas de estacionamento e ao mesmo tempo habilitar novos accesos rodados ás zonas de estacionamento. Tamén se van mellorar as sendas peonís e as zonas axardinadas”.

Descrición das obras de mellora
As parcelas onde se vai a realizar dita actuación atópanse na contorna das rúas Castiñeiras, Hedras, Oliveiras e Palmeiras. Unha das parcelas ten un superficie total de 5.638 metros cadrados dos cales 704 son superficie con acceso rodado e 637 camiños peonís. Os 4.297 metros cadrados restantes son superficie axardinada. A segunda parcela consta dunha superficie total de 3.153 metros cadrados dos cales 750 son de tránsito peonil e/ou equipamentos interiores en forma de explanada na que se coloca unha carpa para comidas. O resto da parcela (2.403 metros cadrados) está ocupada por xardín.

O obxectivo do proxecto é aumentar a capacidade de aparcamento eventual; crear novos accesos, se é necesario; mellorar os accesos rodados a ditos espazos; manter as características actuais da zona en canto a percorridos peonís, do predominio de zonas axardinadas, do pavimento drenante en zonas de aparcamento, e da zona peonil para a instalación de carpa de comidas. Vaise eliminar o mobiliario urbano de pedra existente que se atopa en claro estado de deterioro (bancos de pedra) e vaise dotar ás parcelas dunha instalación mínima de iluminación.  

Na primeira parcela vaise incrementar o espazo dispoñible para prazas eventuais en continuación co esquema xa existente aumentando o formigón ata o extremo occidental da parcela. Vanse crear novos accesos en ambos laterais, de xeito que se poida acceder dende a rotonda da rúa das Hedras. Na segunda parcela vaise manter a explanada de formigón de maneira que a carpa de comidas poida manter a súa actividade. No espazo restante vaise eliminar o pavimento do recorrido peonil e crearase unha nova zona de aparcamento eventual análogo a da primeira parcela. Por último, crearanse accesos nos dous extremos da zona de estacionamento.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Novo Milladoiro mejorará el aparcamiento y su zona verde"

El Correo Gallego: "Mellorarán aparcamento e zonas de lecer no polígono"

AMSGO!: "O Concello mellorará os espazos verdes do Novo Milladoiro"

Plano sobre o estado actual e posterior

Multimedia

  • Plano sobre o estado posterior
  • Plano sobre o estado posterior
  • Imaxe do estado actual
  • Imaxe do estado actual
  • Imaxe do estado actual
  • Imaxe do estado actual