[04-06-2016] O goberno municipal vén de aprobar en Xunta de Goberno Local o inicio de expediente de contratación das obras das gradas cubertas no campo de fútbol do Milladoiro. Este proxecto, que ten un previsible custo de 91.536,56 euros, será sufragado con cargo ao Plan de Obras e Servizos 2016 da Deputación da Coruña. Trátase dunha obra que vén sendo reclamada dende hai tempo por parte do Milladoiro Sociedade Deportiva, que ata o de agora non se executou.
O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, explica que "a apertura do proceso de licitación das gradas cubertas do campo de fútbol do Milladoiro é un compromiso adquirido polo goberno municipal co Milladoiro Sociedade Deportiva. Ademais, é unha necesidade dotar a este campo de fútbol dun espazo cuberto para os afeccionados. Con este acordo que acabamos de adoptar iniciamos o proceso de contratación para poder realizar as obras durante o período estival e para que O Milladoiro conte con esta demandada infraestrutura".
O proxecto recolle a construción dunha gradaría cuberta de formigón no que este material conforma un todo de partes case indistinguibles, xa que a estrutura é á vez e a un tempo cerramento, pel, solado, e cuberta. É dicir, é un todo homoxéneo de formigón armado; como un continuo que se retorce e acomoda á escasa anchura do espazo libre, por forza lonxitudinal e alargado, paralelo ao camiño e pechado aos ventos dominantes.
Así mesmo, a sección transversal propicia a disposición de espazos vacantes baixo a cota de bancadas, que poderán ser acondicionados posteriormente como aseos, almacéns ou novos vestiarios. A superficie da construción en planta ocupa 163,43 metros cadrados.




