[20-12-2016] O goberno municipal aprobou de xeito inicial, en Xunta de Goberno Local, o proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable S-15 “Travesía do Porto Sur” do PXOM, presentado por un particular en representación da Xunta de Compensación. Dito proxecto de urbanización ter que ser sometido ao trámite de información pública por un prazo dun mes mediante anuncio que se publicará no BOP. A aprobación definitiva deberá recaer no prazo máximo de tres meses desde a conclusión do trámite de información pública. Transcorrido este prazo sen resolución expresa, o proxecto de urbanización entenderase aprobado por silencio, sempre que se obtivesen as autorizacións e informes sectoriais preceptivos ou se acredite, se é o caso, que transcorreu o prazo legal para a súa expedición.
O 11 de novembro do 2016 presentouse no Concello o proxecto refundido II de urbanización S-15, en cuxos antecedentes da memoria, expúxose que modificáronse determinados planos do proxecto orixinal no referente á Travesía do Porto e instalacións e infraestruturas na mesma Travesía, como consecuencia do proxecto de urbanización promovido polo Concello: beirarrúa Oeste da Travesía do Porto e acceso ao parque público e ao I.E.S, treito Rúa do Buxo e aparcadoiro do centro de saúde do Milladoiro. Unhas semanas despois, o 5 de decembro do 2016, a pedimento dos servizos técnicos do departamento municipal de Urbanismo presentouse de xeito telemático a solicitude e o correspondente proxecto para a súa tramitación.
O proxecto de urbanización do S-15 supón a execución das determinacións contidas no Plan Parcial do S-15, cuxa finalidade é a de executar os servizos e as dotacións establecidos no devandito planeamento, e cuxa natureza é a dun proxecto de obras. Do devandito Plan Parcial cómpre apuntar dous aspectos a ter en conta no proxecto de urbanización en cuestión. En primeiro lugar, a incorporación no Plan Parcial de previsións relativas a elementos patrimoniais con afección no seu ámbito en cumprimento do requirido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no informe emitido durante a tramitación do mesmo. E, en segundo lugar, a valoración contida no Plan parcial das infraestruturas de abastecemento e saneamento na zona de Milladoiro.
Nos sistemas de actuación indirectos, o seu promotor, con carácter anterior ao inicio das obras de urbanización, deberá prestar ante o municipio a garantía do exacto cumprimento dos deberes de execución do plan, por importe do 10% do orzamento de execución material do proxecto. Neste suposto, o importe de referencia sobre o que aplicar a devandita porcentaxe debe ser a suma do orzamento de execución material do proxecto de urbanización, que é de 1.646.855,31 euros, e mailo importe correspondente á valoración contida no Plan parcial das infraestruturas de abastecemento e saneamento na zona de Milladoiro que se cifra pola arquitecta municipal nuns 895.716,14 euros.
Antecedentes
O plan parcial do S-15, que conta cunha superficie total de 52.004 metros cadrados, permitirá dispor nesta zona dunha parcela de máis de 8.000 metros cadrados para usos dotacionais. O plan parcial mantén substancialmente a ordenación e redacción obxecto de tramitacións anteriores, incorporando variacións que son consecuencia dos cambios normativos. O plan parcial S-15 é unha cuestión enquistada desde 2009, ano no que o plan aprobado en 2007 polo Concello foi anulado por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En 2011, aprobouse un novo plan parcial que tamén foi anulado pola Xunta de Galicia. En 2013 foi aprobado de novo polo Pleno, pero pouco despois foi impugnado por un particular.
Deste xeito, hai que lembrar que o pasado 1 de abril do 2013 o Pleno do Concello de Ames adoptou o acordo de aprobar de forma definitiva o Plan Parcial do sector de solo urbanizable S-15 “Travesía do Porto Sur” do PXOM, que foi publicado posteriormente, o 23 de maio de 2013, no DOGA.
Pouco despois de ser aprobado polo Pleno, en abril de 2013, un particular impugnou dito plan parcial, alegando que o plan recorrido era un refundido do aprobado no ano 2011, e que por tanto tiña os mesmos defectos que os alegados con relación a este. En segundo lugar, que o plan parcial fora aprobado con base nunha disposición transitoria da Lei 2/2010 que entendía que era inconstitucional. Tamén alegaba que había un exceso de edificabilidade dado que a norma legal que o permitía esixía para a súa aplicación a aprobación do proxecto de compensación antes do 20 de abril de 2013, e que este non entrara en vigor nesa data. Como último argumento sostiña que os coeficientes de ponderación de uso asignáranse incorrectamente.
Nunha sentenza ditada recentemente polo tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestímase o recurso presentado sobre este plan parcial quedando este aprobado definitivamente. O litixio que se leva desenvolvendo varios anos dálle a razón ao Concello de Ames na porcentaxe de edificación e permitirá o desenvolvemento do S-15.
Centro de saúde do Milladoiro
Neste sector de urbanización do Milladoiro é onde se situará o futuro centro de saúde desta localidade, para o cal se asinou un convenio de cooperación co Servizo Galego de Saúde no mes de setembro. O goberno municipal leva mantendo conversas varios meses coa consellería de Sanidade co obxectivo de avanzar na tramitación da construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Estas conversas materializáronse coa sinatura de dito convenio onde se recollen os compromisos a realizar por ambas administración. Hai que recordar que o pasado 26 de febreiro de 2009 o Concello de Ames cedeu de forma gratuíta en escritura pública ao Servizo Galego de Saúde, a parcela DP2 situada no sector de terreo urbanizable denominado S-15 “Travesía do Porto Sur”, cunha superficie de 5.002 metros destinado á construción dun centro de saúde. A sentenza, fundamentalmente, reafirma a garantía xurídica para a construción do Centro de saúde do Milladoiro.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El desbloqueo del plan de Travesía do Porto libera suelo público y zona verde"




