[12-02-2011] A Xunta de Goberno Local acaba de adoptar un importante acordo en materia urbanística xa que aprobou de xeito inicial o proxecto de reparcelación do sector de solo urbanizable S-10 "Pedregal". Trátase dunha área de case 63.000 metros cadrados na que se van edificar 572 vivendas. Ao Concello correspóndelle un 10% da edificabilidade dos bloques que se dedicará a vivendas protexidas. Ademais vanse dedicar uns 17.000 metros de superficie a zonas verdes e uns 10.000 a equipamentos públicos. No tocante á superficie de aparcamento, o S-10 contempla 790 prazas para os edificios e outras 268 ao aire libre. O S-10 é un dos proxectos urbanísticos máis importantes dos que se están desenvolvendo na capital municipal nos últimos anos e permitirá o desenvolvemento desta localidade na súa marxe oeste. A área de actuación está próxima ao centro de saúde. Esténdese desde o núcleo do Pedregal ata Bertamiráns e limita polo oeste con Brión.
O Concello de Ames dá un paso máis na ordenación do territorio de Bertamiráns. A Xunta de Goberno Local acaba de adoptar o acordo de aprobar de xeito inicial o proxecto de reparcelación do sector de solo urbanizable S-10 "Pedregal". O plan parcial deste sector aprobouse xa en pleno o 30 de agosto de 2007 e agora a Xunta de Goberno Local acaba de darlle o seu beneplácito ao proxecto de reparcelación. A aprobación é inicial, xa que o proxecto deberá estar exposto ao público 20 días para que todas as persoas que o consideren oportuno poidan realizar alegacións. Ademais o proxecto deberá ser publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
O sector de solo urbanizable S-10 "Pedregal" do PXOM do Concello de Ames inicia o seu desenvolvemento por iniciativa pública coa contratación da redacción do plan parcial do sector á entidade Oficina de planeamento, SA. Ao tratase dunha iniciativa pública o proxecto de reparcelación pode ser formulado de oficio polo municipio ou polos propietarios que representen, como mínimo, o 25 % da superficie do polígono.
Neste caso os propietarios que dispoñen de parcelas na area de actuación foron os que presentaron unha proposta de reparcelación para que o Concello continuase coa tramitación do devandito proxecto. Neste proceso adxudicase a cada propietario a súa correspondente parcela. Ademais asígnalle ao Concello unha zona de equipamentos públicos e de zonas verdes.
O S-10 Pedregal esténdese desde o núcleo do Pedregal ata Bertamiráns e limita polo oeste co concello de Brión. A area de actuación está moi próxima a rúa Pedregal, lugar onde está situado o centro de saúde desta localidade, e a avenida da Maía. Este é un dos proxectos urbanísticos máis importantes que se están desenvolvendo na actualidade en Bertamiráns. O plan parcial do S-10 O Pedregal abre o camiño para a expansión oeste desta localidade.
62.920 metros cadrados de superficie
Trátase dunha área de 62.920 metros cadrados na que se van edificar 572 vivendas. A superficie máxima edificable é de 51.595 metros cadrados. Ademais disponse de 17.000 metros de superficie destinaranse a zonas verdes e uns 10.000 a equipamentos. No tocante á superficie de aparcamento, o S-10 contempla 790 prazas para os edificios e outras 268 ao aire libre.
O 10% da edificabilidade dos bloques que se constrúan destinaranse a vivendas protexida e o 90% a vivendas libres. O Concello, como propietario dunha parte dos terreos, resultou adxudicatario da zona residencial de vivenda protexida, que está situada na zona lesta do ámbito de actuación, onde se construirán arredor de 60 vivendas.
En canto ás parcelas de equipamentos públicos terá unha superficie de 10.000 metros cadrados. No medio do ámbito de actuación está situada unha parcela de 4.596 metros cadrados que posiblemente sexa usada para construír un centro de ensino. Ademais o Concello dispón de outras dúas parcelas de equipamentos públicos. Unha de 2.300 metros cadrados destinada a construír un aparcadoiro e outra duns 3.000 metros cadrados para equipamento deportivos.
Por outra banda, uns de 17.316 metros de superficie destinaranse a zonas verdes. Nesta zona executarase un gran parque, que estará situado na marxe oeste da área de actuación limitando co concello de Brión, aproveitando a masa de árbores que existen actualmente. Ademais o Concello resultou ser o adxudicatario de todas as rúas que unirán a avenida da Maía coa rúa do Pedregal.
O alcalde de Ames, Carlos Fernández, destacou os aspectos positivos deste proxecto promovido polo Concello, especialmente no que se refire ao sistema viario que pasará a ser de titularidade municipal e ás superficies que se destinan a equipamento e zonas verdes que representan o 43% da superficie total do sector.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Nueva parcelación de 63 hectáreas en la zona de Pedregal"
El Correo Gallego: "Nueva parcelación de 63 hectáreas en la zona de Pedregal"
La Voz de Galicia: "Ames aprueba en fase inicial una reparcelación de suelo que permitirá edificar 572 viviendas"
La Voz de Galicia: "Ames aprueba en fase inicial una reparcelación de suelo que permitirá edificar 572 viviendas"




