Pestanas principais

Apróbase de xeito inicial o orzamento municipal do Concello Ames de 2019 que se achega aos 26.000.000 euros

Venres, 15 de marzo de 2019

[15-03-2019] Este xoves, 14 de marzo, celebrouse un pleno extraordinario para debater a aprobación inicial do orzamento de 2019 do Concello de Ames, que se achega aos 26 millóns de euros. Trátase dun orzamento municipal ampliado e que acada unha cifra de preto de 26.000.000 euros, que incrementou en 1.300.000 euros respecto do Orzamento de 2018 (un 5,24% máis). O presuposto municipal saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno e dos concelleiros e concelleiras do grupo Ames Novo, mentres que os edís do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron en contra. Tamén destaca o incremento ata o 20% do total do presuposto, da partida dedicada a educación que inclúe 454.000 euros para a construción dun novo comedor no CEIP A Maía, co obxectivo de solucionar a problemática de escaseza de prazas que existe na Rede municipal de comedores escolares.

Valoracións dos grupos da oposición
O voceiro de Ames Novo, Quique Costas, destacou que “grazas ao orzamento de 2019 o Concello de Ames é 1.300.000 euros máis rico que en 2018 e os veciños e veciñas dispoñen de máis recursos. Ademais, este presuposto recolle un incremento na área de educación, que se achega ao 20% do total do orzamento, que era o que viñamos solicitando dende este grupo municipal, e inclúe a construción dun novo comedor para solucionar o problema de falta de prazas neste servizo municipal. Tamén se solventa unha das grandes eivas que tiña o orzamento de 2017 que era o nivel de investimentos. Neste orzamento hai un 17% de investimentos reais, polo que hai un gran crecemento respecto de 2017 que era do 7%”.

O voceiro de Pacto por Ames, Ramón García Argibay, explicou que “o orzamento de 2019 é un copia e pega do presuposto de 2018”. Ademais, expuxo que “se trata dun orzamento con algúns aspectos positivo, pero que ten moitos negativos. Non reflicte a realidade do concello. Ames é un concello saneado grazas ao Plan de axuste aprobado en 2012, pese a quen lle pese, e a situación económica en 2015 cando chegaron vostedes ao goberno era moi distinta á de 2011 cando chegou o partido Popular”. Por último díxolle ao goberno que “o nivel de investimento dos últimos catro anos estaba nunha media de 38,6%, moi por debaixo do presupostado, e que dedicaban cero euros a municipalización de servizos, algo que xa dixemos dende este grupo municipal que non ían a abordar”.

O concelleiro do Partido Popular, Javier Olmo, dixo que “se trata dun orzamento que pouco aporta respecto do anterior. A pesar do incremento do 5,24% respecto do anterior presuposto, a metade dos 56 programas que se recollen en dito orzamento non experimentan ningún incremento, senón que se minoran as súas partidas. Ademais, este presuposto incrementa a carga impositiva e recolle un escaso esforzo inversor deixando de lado novamente ao rural. Tan só o 27% das actuacións de novos investimentos se van a realizar no rural e de ditas actuación tan só 7 superan os 50.000 euros. A maior parte da partida de novos investimentos dedícanse ao centro multidisciplinar para a mocidade e a construción dun novo comedor no CEIP da Maía”.

Forte esforzo en investimentos e no emprego público
Por outra banda, o orzamento de 2009 recolle un forte esforzo en investimentos que supera os 4.400.000 euros con investimentos nas distintas áreas (urbanismo, servizos básicos, parques e xardíns, medio ambiente, emprego, servizos sociais, comercio, turismo, educación, deportes, mocidade, normalización….) e no que está incluídas as actuacións enmarcadas no Plan Impulsa Ames da EDUSI por importe de 1.832.000 euros, destacando actuacións moi importantes nas áreas de servizos básicos, urbanismo, emprego, promoción turística, sociedade da información…

Neste orzamento tamén se reforza novamente o emprego público, cun crédito asignado ao capítulo de persoal de 8.400.000 euros, incrementando en 274.000 euros , nun 3,37%, os gastos de persoal respecto do orzamento do 2017. Inclúense nesta partida o incremento salarial previsto nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018, dun 2,25%, os gastos das últimas modificacións da RPT tramitadas e negociadas coas traballadoras/es municipais, importes de sentencias e incrementos das bases de cotización.

Tamén se recolle o incremento salarial do 0,25% (preto de 94.000 euros) a partir de xullo condicionado ao incremento do PIB, e o incremento salarial do 0,30% (22.500 euros) para a revisión dos complementos específicos condicionado ao cumprimento da estabilidade orzamentaria. Ademais, inclúese unha partida de 30.000 euros, acordada cos delegados/as sindicais, para posibles modificacións que se leven a cabo na segunda fase de negociación da RPT.

Por outra banda, no orzamento de 2019 faise un forte investimento en estradas e camiños veciñais con 1.100.000 euros; promóvese o deporte cunha dotación que se achega o 1.000.000€; apóstase polas políticas medioambientais sostibles, que reforza as áreas de parques e xardíns cun crédito que supera o 1.000.000 euros; impúlsase o sector cultural, ponse en valor a lingua galega e mailo patrimonio cultural destinando un crédito total nesta área de preto de 1.300.000 euros; apóstase polas novas tecnoloxías e a sociedade da información cun crédito para esta área de preto máis de 600.000 euros; promóvense as políticas de emprego cun crédito de 450.000 euros, que inclúe o crédito para o Coworking, así como outros investimentos recollidos na EDUSI; e promóvense as políticas de promoción turística e comercio asignando un crédito de 330.000 euros.

Aposta polas políticas sociais, a educación e os servizos básicos
No orzamento de 2019 dáse continuidade e refórzanse as políticas sociais cun crédito que supera os 3.000.000 euros, incrementando en máis de 1.100.000 euros , é dicir, nun 53,59%, a cifra respecto do presupostado no ano 2018, e no que se inclúe o crédito asociado á Renda social municipal e axudas de emerxencia, a ampliación das horas de prestación do servizo de axuda a domicilio (SAF), a ampliación e reforzo da plantilla de persoal de servizos sociais, e un un forte investimento asociado á EDUSI que é a construción dun centro multidisciplinar xoven no Milladoiro, entre outras actuacións.A área de servizos sociais é a terceira en importancia dentro do Orzamento Municipal representando unha porcentaxe dun 12,29% do orzamento total municipal.

Genma Otero tamén destacou o forte reforzo feito na área de educación, cun crédito de máis de 5.000.000 euros, sendo a segunda área en importancia e representando un 19,43% do orzamento municipal, que inclúe a construción dun novo comedor escolar no CEIP A Maía, para solucionar a problemática de escaseza de prazas e instalación deficitaria nos comedores que afecta a toda a comunidade educativa, ademais da ampliación dos servizos de conciliación, gastos de mantemento dos centros, etc.

Aínda así a área que segue en primeiro lugar é a de servizos básicos, cun crédito de preto de 5.300.000 euros, representando un 20,36% do orzamento municipal, para actuacións nesta área que cubre todos os servizos básicos de alcantarillado, abastecemento, limpeza viaria, recollida de residuos, alumado público, etc.

O Pleno comezou coa concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, dando conta de que “despois de 5 anos de orzamento prorrogado cumprimos un dos compromisos de goberno que era desbloquear a situación económica do Concello. Deste xeito, dende o ano 2017 ata a actualidade aprobamos tres orzamentos municipais grazas ao traballo deste goberno e ao apoio e responsabilidade dos compañeiros e compañeiras do grupo municipal Ames Novo. O orzamentos de 2019 acada unha cifra de preto de 26.000.000 euros. Deste xeito, increméntase en 1.300.000 euros respecto do presuposto de 2018 (un 5,24% máis)”.

A concelleira de Economía e Facenda dixo que era un orzamento saneado e equilibrado, onde non se consigna crédito ningún para amortizar débeda bancaria e o capítulo 9 de gastos (pasivos financeiros) é de 0 euros, coma sucedeu no orzamento do 2018. No orzamento de 2017, no capítulo 9 había unha partida de 676.000 euros, pero en decembro de 2017 amortizáronse todos os créditos bancarios que ascendían a 2.774.000 euros, e cancelouse o Plan de Axuste, aprobado en 2012 polo goberno do Partido Popular. No orzamento de 2019 tampouco se asigna crédito ao pago de intereses (capítulo 3 de gastos).

A situación de estabilidade tamén lle permite ao Concello poder concertar dúas operacións de crédito con entidades bancarias para facer fronte ás achegas que corresponden ás anualidades da EDUSI dos exercicios 2018 e 2019, que teñen que financiarse con fondos propios e que son de 222.000 euros en 2018 e 312.000 euros no exercicio 2019.

Por outra banda, o goberno municipal defendeu que é un orzamento equilibrado onde a cifra de ingresos por operacións correntes é de 22.800.000 euros e supera en 1.300.000 euros a cifra de gastos por operacións correntes que é de 21.500.000 euros, co cal todas as actuacións de gastos corrente fináncianse con ingresos correntes e existe un excedente de máis de 1.300.000 euros. Tamén recalcaron que é un orzamento participativo, xa que continúa dando cumprimento ao compromiso asinado coa Federación de Asociacións do Rural de reinvestir as cantidades recadadas do catastrazo, que ascende a 228.000 euros ao ano, e tamén se continúa a traballar coa mocidade a través dos orzamentos participativos. Este ano para a mocidade asignase un crédito de 50.000 euros para investimentos, e increméntase ata os 15.000 euros os gastos para actividades.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero destacou “estamos moi contentos da aprobación deste orzamento de preto de 26.000.000 euros, un orzamento saneado e equilibrado que blinda novamente os servizos sociais, reforza os servizos básicos e a área de educación, dando continuidade e cumprimento aos compromisos adquiridos polo goberno. É unha mostra de responsabilidade a aprobación deste orzamento municipal pois nun ano complicado, ano electoral, poñemos ao dispor do goberno entrante en maio unha ferramenta de traballo coa que xa poden comezar a facer política, situación coa que tristemente este goberno non se atopou, pois á nosa entrada no 2015 tíñamos un orzamento prorrogado dende o ano 2012”.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Apróbase de xeito inicial o orzamento municipal do Concello Ames de 2019 que se achega aos 26.000.000 euros"