Pestanas principais

Apróbase de xeito inicial o orzamento municipal de 2018 que se achega aos 25 millóns de euros

Venres, 27 de abril de 2018

[27-04-2018] Esta xoves, 26 de abril, celebrouse o pleno ordinario de abril onde se debateu a aprobación inicial do orzamento de 2018 do Concello de Ames, que se achega aos 25 millóns de euros. O presuposto municipal saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno, dos concelleiros e concelleiras do grupo Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron en contra. Asemade, en dito pleno compareceu o alcalde para falar da seguridade no concello, ante a solicitude feita polo concelleiro Ramón García Argibay o pasado 27 de febreiro de 2018. Tamén se aprobou por unanimidade unha proposta para solicitarlle ao Ministerio de Facenda a aplicación de exencións fiscais no IBI da vivenda habitual para persoas viúvas e/ou maiores de 65 anos con poucos recursos económicos e unha declaración institucional de solicitude dunha segunda liña de primaria no CEIP de Barouta.

Antes do Pleno, na praza do Concello, varios pais e nais participaron nunha concentración para solicitarlle ao goberno municipal a admisión de todo o alumnado que solicita praza nos comedores escolares para o curso 2018-2019. O Pleno comezou coa concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, dando conta da información periódica correspondente ao primeiro trimestre do exercicio 2018. Así, dixo que o período medio de pago a provedores está en 11,48 días, moi por debaixo dos 30 días que establece a lei.

De seguido, a concelleira de Economía e Facenda meteuse de cheo no principal tema do día, que foi a aprobación inicial do orzamento municipal de 2018. Genma Otero destacou que “este ano volvemos a chegar a un acordo co grupo Ames Novo para aprobar as contas deste exercicio, pero ademais hai que engadir, respecto a 2017, o acordo que subscribimos co concelleiro non adscrito, Javier López. O presuposto que pretendemos aprobar para este exercicio increméntase respecto ao de 2017 nun 6%. Increméntase en 1.400.000 euros chegando a alcanzar a cifra de 24.700.000 euros, moi próximo aos 25 millóns de euros”.

A concelleira de Economía e Facenda explicou cales son as principais liñas estratéxicas que recolle este documento contable. “O orzamento de 2018 recolle a blindaxe dos servizos sociais aos que se destina unha contía de 2.100.000 euros. Ademais, apóstase por un forte incremento no capítulo dos investimentos, cunha partida de 4.300.000€, e refórzase a área de educación, a que se dedican 4.382.555€, sendo a segunda área en importancia dentro destes presupostos, que representa o 17,78%, despois de servizos básicos con preto de 5.300.000€, un 21,38% da partida orzamentaria. Deste xeito, incrementase o gasto en practicamente todas as áreas sen ter que incrementar os impostos, as taxas e prezos públicos”.

Na área educativa, un 32%, que son 1.402.417€, dedícanse á Rede Municipal de Comedores Escolares. Nesta contía está incluído o gasto en persoal, o pago a provedores, traballos de mantemento e reparación, etc. Ames é un dos poucos concellos galegos, por non dicir o único, que destina este importe económico para realizar unha xestión directa dos comedores escolares. Ademais, hai que sumar 130.000 euros que se dedicarán ao pago dos terreos que son necesarios expropiar para cedelos á Xunta de Galicia co obxectivo de construír un novo CEIP no Milladoiro, así como unha contía de 70.000 euros para dispor da parcela anexa ao IES de Bertamiráns e ampliar as zonas dotacionais próximas a este centro escolar.

Por outra banda, realízase un forte incremento no capítulo de investimentos pasando de 2.300.000€ no 2017 a 4.300.000€ neste orzamento de 2018, preto de 2.000.000€ máis de investimentos para este exercicio, un 84% máis de investimentos nas distintas áreas do Concello. Inclúese no orzamento as primeiras actuacións do proxecto Impulsa-Ames, da EDUSI, por importe de 1.245.000€. Asemade, inclúese unha partida de 1.600.000€ para executar 16 proxectos a través do POS+ 2018. Outras áreas nas que se incrementa a dotación presupostaria son a de parques e xardíns e medio ambiente á que se dedican 1.100.000€; deportes que conta cunha contía de 1.000.000€; e Cultura chegando a contía de 1.400.000€. Por último, hai que destacar o forte investimento en estradas e camiños veciñais no rural cunha dotación de 1.150.000€.

Intervención dos voceiros dos grupos municipais e do alcalde
O concelleiro non adscrito, Javier López, comezou a súa intervención manifestando a súa contrariedade pola sentenza de La Manada. A continuación, deulle os parabéns ao goberno municipal por acadar un acordo entre cinco dos sete grupos políticos que forman a Corporación municipal para aprobar o orzamento de 2018. “Gracias ao acordo subscrito co goberno vaise asignar unha partida de crédito para a realización dun estudo de alternativas para dotar ao Milladoiro dunha piscina cuberta climatizada. Tamén se van implantar medidas de actuación e promoción turística para a posta a punto de cara ao Xacobeo 2021 no Concello de Ame e fomentar o uso e implantación do vehículo eléctrico no concello instalando infraestruturas de carga en puntos estratéxicos”. Por último, destacou que “é preciso elaborar un plan de desenvolvemento do rural, un punto que tamén se recolle nestas contas”.

O voceiro do grupo Pacto por Ames, Ramón García Argibay, dixo “a negociación dos orzamentos foi un paripé dos grupos da esquerda ao que se sumou a última hora o concelleiro non adscrito. Para nós estes son uns orzamentos inflados e sectarios. Así, esquécense de organizacións como Cáritas Milladoiro. Ademais son uns presupostos cunha importante carga impositiva polo incremento do prezo da auga que subiu un 11,6%”. Asemade, Argibay puxo en dúbida que durante o que resta de ano se vaia dar executado os 4,3 millóns de euros de investimentos. “Este orzamento non reflicte á realidade. Botamos en falta iniciativas para asentar a poboación no rural como poden ser bonificacións do IBI para as vivendas das parroquias”, rematou dicindo o voceiro de Pacto por Ames.

Quique Costas, voceiro de Ames Novo, tamén mostrou o seu rexeitamento a sentenza de La Manada. Sobre o orzamento de 2018 destacou que “dende este grupo municipal vamos a aprobar as contas de 2018 porque consolidan varias iniciativas que se puxeron en marcha durante 2017. Ademais, este orzamento permite desenvolver o plan Impulsa Ames, da EDUSI, e vai dotar ao Milladoiro de novos terreos para uso dotacional. A oposición pódese exercer con sentido de gobernanza, que o que estamos a facer nós apoiando estas contas”. O voceiro de Ames Novo criticou a postura de Pacto por Ames “vostedes non apoian este presuposto, pero non explican como se poden conseguir os terreos para o novo CEIP do Milladoiro, no caso de que este orzamento non saía adiante, ou con que fondos se pode sufragar a renda social”.

Por último, a voceira do Partido Popular, Oliva Agra, comezou dicindo “dende hai un ano Ames está sendo gobernado por catro partidos. Os tres que forman o goberno e máis Ames Novo. O Partido popular presentou 10 propostas que non foron tidas en conta, por iso non vamos a apoiar estes presupostos. Non se nos pode responsabilizar de que, se non aprobamos estas contas, non contribuímos a conseguir os terreos para o novo CEIP do Milladoiro, porque hai cinco anos cando o grupo popular estaba no goberno fixo as modificacións necesarias no PXOM para dispor destes terreos. Despois este goberno non continuou cos trámites necesarios. Ademais, hai que dicir que as cifras de ingresos pola taxa da auga increméntase en máis de 150.000 euros respecto do ano pasado, iso é porque se incrementou dita taxa. Estas contas recollen unha suba da presión fiscal e unha clara diminución de investimento no rural”.

A quenda de intervencións pechouna o alcalde, José Miñones, que dixo “estes orzamentos reflicten os compromisos que adquire este goberno coa veciñanza. A cifra de investimentos é alta, alcanza os 4,3 millóns de euros. Intentaremos executar todos os investimentos que sexan posibles. Se puidésemos ter unha cifra de cinco ou seis millóns de euros aínda sería mellor. As cifras deste orzamento falan por si soas. Un 45% do gasto dedícase ao benestar social, aos veciños e veciñas, que son o principal obxectivo das nosas políticas. Tamén se dedica unha partida moi importante a área educativa”.

Finalmente o orzamento de 2018 foi aprobado de xeito inicial co voto a favor dos membros do goberno, dos concelleiros e concelleiras de Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López. Os concelleiros e concelleiras do partido Popular e de Pacto por Ames votaron en contra.

Comparecencia do alcalde
Outros dos asuntos abordado no pleno ordinario de abril foi a comparecencia do alcalde para falar da seguridade no concello. Esta comparecencia foi solicitada polo concelleiro Ramón García Argibay o pasado 27 de febreiro de 2018. Dita solicitude, foi aprobada no pleno ordinario de marzo e realizouse no seguinte pleno que se convocou. García Argibay fundamentou dita solicitude en que durante os últimos anos a Xunta Local de Seguridade se está reunindo fóra de prazo, así como na vaga de roubos que afectou ao concello a finais de 2017 e comezos de 2018. Deste xeito, presentou unha relación de 24 preguntas sobre seguridade para que o rexedor municipal contestase.

José Miñones deu resposta ás preguntas de competencia municipal. Así, dixo que durante os meses nos que houbo un incremento de roubos no concello estaban operativos entre 4 e 7 axentes da Policía Local ao día. En todo momento estiveron coordinados coa Garda Civil do Milladoiro e reforzouse a presenza policial nas estradas das urbanización e nas zonas susceptibles de producirse este tipo de actos delitivos. Tamén mencionou que os datos achegados nas últimas Xuntas Locais de seguridade non amosan un incremento nos roubos, xa que en 2016 se produciron 24 roubos, e en 2017 un total de 28. Asemade, Miñones dixo que as medidas de seguridade nunca son suficientes e que ogallá houbese máis, pero a pesar diso, Ames é un concello seguro, xa que é un dos municipios galegos cunha taxa de criminalidade máis baixa.

Exencións fiscais no IBI e declaración institucional
Por outra banda, aprobouse por unanimidade unha proposta, presentada polo concelleiro non adscrito, Javier López, para solicitarlle ao Ministerio de Facenda a aplicación de exencións fiscais no IBI da vivenda habitual para persoas viúvas e/ou maiores de 65 anos con poucos recursos económicos coa finalidade de contribuír ao sostemento dun colectivo de persoas sobre as que concorren circunstancias que as fan vulnerables polo risco de pobreza e exclusión social.

Por último, aprobouse, tamén por unanimidade, unha declaración institucional de solicitude dunha segunda liña de primaria no CEIP de Barouta, na que se lle solicita á Xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que teña en consideración a proposta do Consello escolar municipal de Ames e da comunidade educativa para dotar ao CEIP de Barouta dunha segunda liña de primaria, sen que iso supoña a utilización de espazos e aulas xa existentes no centro escolar.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O pleno amesán analizou os roubos, pero sen trazas de implantar á Policía Nacional"
La Voz de Galicia: "Ames aprueba un presupuesto de 24,7 millones y reclama la ampliación del CEIP de Barouta"
Lindeiros: "Ames aproba un orzamento de 25 millóns de euros"