Pestanas principais

Apróbase a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado de 2º ciclo de educación infantil

Xoves, 11 de outubro de 2012

[11-10-2012] A Xunta de Goberno local de Ames acaba de aprobar a convocatoria de axudas para adquisición de libros de texto e material escolar destinadas a alumnos de segundo ciclo de educación infantil para o curso 2012-2013. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 18.500 euros.

As axudas están destinadas a financiar os gastos efectuados desde o 1 de xullo ao 31 de decembro de 2012 en libros de texto e material escolar polo alumnado integrado en unidades familiares empadroadas no Concello de Ames, sempre que os alumnos/as estean matriculados durante o curso 2012-2013 nalgún curso de educación infantil (2º ciclo), nun centro sostido con fondos públicos. O obxectivo é intentar sufragar parte do gasto que cada ano teñen que realizar todos os pais e nais de Ames para comprar material escolar para os seus fillos/as.

As axudas teñen uns límites económicos por alumno que se establecen nas bases da convocatoria. Deste xeito, as unidades familiares cunha renda per cápita de menos do 50% do IPREM recibirán un importe máximo de axuda de 120 euros; as que conten cunha renda per cápita do 50% ata o 75% do IPREM, recibirán 100 euros, e para as unidades familiares con renda per cápita do 75% ao 100% do IPREM a axuda será de 80 euros.

Esta convocatoria está dirixida ás familias empadroadas no Concello de Ames, que teñan menores ao seu cargo e que estean matriculados para o curso escolar 2012-2013 nos centros de ensino público no nivel de educación infantil (2ª etapa, de 3 a 5 anos). Seguindo a liña xa iniciada na anterior edición, a convocatoria volve ter como destinatarios aos alumnos e alumnas de educación infantil (2º ciclo), por ser este colectivo o único non incluído na orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Como unha das principais novidades, amplíase o período subvencionable, que comeza o 1 de xullo e remata o 31 de decembro.

As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello no prazo dun mes desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.