[18-02-2011] No que vai de ano o Concello de Ames aprobou a concesión de vinte novas licencias para a apertura de establecementos comerciais. Ames segue a resistir a crise e colócase como un dos concellos con maior número de aperturas de novos locais na comarca compostelá. No que vai de ano tramitáronse vinte licencias, que se suman ás 60 que se outorgaron ao longo do ano 2010. Destas 20 hai 14 definitivas que inclúen novos negocios en Bertamiráns, no parque empresarial de Novo Milladoiro e na parroquia de Agrón. Deste xeito, o concello de Ames mantén o tipo no que a vitalidade empresarial se refire. En pouco máis dun mes xa se aprobou o 23% das licencias que se outorgaron o ano pasado.
O Concello de Ames continúa medrando en apertura de novos negocios situándose como un referente comarcal e amosando un grande dinamismo comercial. Ames é un dos concello que máis medra no que se refire á apertura de novos comercios e establecementos na comarca compostelá, mostrándose extraordinariamente dinámico na apertura de novos negocios e ofrecendo cada ano que pasa unha maior variedade, así como unha renovada calidade dos mesmos lograda polo impulso de programas de promoción do comercio postos en marcha dende a Administración local.
Desde que comezou o ano tramitáronse vinte novas licencias das cales 14 son xa licencias de apertura definitivas. Entre estas atopamos a de apertura dunha estación base de telefonía móbil de Orange na parroquia de Agrón, e a apertura de cinco novos negocios no polígono de Novo Milladoiro. Estes establecementos son unha firma de servizos de publicidade e comunicación, unha consultaría informática, unha xestoría, un estudo de decoración de interiores e unha oficina para xestión administrativa dunha empresa construtora. Ademais outorgouse outra licencia no Milladoiro, neste caso para abrir un centro de estética na rúa Agro do Medio.
En Bertamiráns outorgáronse sete licencias definitivas para abrir unha tenda polo miúdo de agasallos, bixutería e artesanía, outra tenda polo miúdo de tocado e complementos de roupa e vestido, unha tenda de material de equitación, unha academia de pintura para nenos e nenas, un novo establecemento dedicado a expender tabaco, unha axencia de seguros e unha clínica de fisioterapia e rehabilitación.
Ademais das 14 definitivas tramitáronse 5 licencias provisionais para actividades clasificadas, non clasificadas e un cambio de titularidade dun café bar na Avenida da Maía de Bertamiráns. Entre as licencias para actividades clasificadas atopamos os acondicionamentos de tres baixos para funcións de bar, de restaurante e de tenda de comestibles. As actividades non clasificadas inclúen o acondicionamento dun baixo para tenda de roupa e complementos e unha asesoría e administración de comunidades.
Deste xeito continuase coa tendencia que se produciu durante o ano 2010. Durante este exercicio o Concello outorgou 60 novas licencias de apertura definitivas, das cales, o 40% permitiu a apertura de diversos locais destinados á venda de alimentos é ao pequeno comercio. Destas 60 licencias, 26 corresponderon a Bertamiráns, 21 ao Milladoiro e 13 ao polígono industrial do Novo Milladoiro e á zona rural, co que se confirma unha certa igualdade no que a dinamismo comercial se refire entre Milladoiro e Bertamiráns ao tempo que toma maior importancia o polígono industrial do Novo Milladoiro, que ano a ano vaise consolidando como un centro de vital importancia para este sector no concello.
A nova noutros medios dixitais: