- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 3 de xullo a concesión de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo por clubs e asociacións deportivas de Ames no exercicio 2024. O importe das subvencións que se van a conceder ascende a 80.000 euros. Un total de 20 entidades beneficiaranse destas subvencións municipais, que buscan achegar a práctica deportiva ao maior número de veciños/as posible, así como promover unha vida deportiva estable dentro do concello. As entidades beneficiarias destas axudas recibirán o 50% da axuda concedida de xeito anticipado.
O Concello de Ames aprobou o reparto de 80.000 euros entre as asociacións e clubs deportivos do municipio. A estas subvencións puideron optar todas as entidades do concello de Ames que realizaran actividades de índole deportiva. En total, foron 20 entidades as que cumpriron coas condicións e que obtiveron a axuda, que tamén se puido destinar a sufragar a adquisición de material inventariable.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca que “os principais obxectivos destas axudas son achegar a práctica deportiva ao maior número posible de individuos, empregando para isto aos colectivos existentes no concello, como mellor instrumento para acadar este fin. Tamén se pretende crear unha vida deportiva estable dentro do municipio, programada e desenvolta polas entidades do ámbito privado, e na que a administración municipal represente un papel secundario, tanto na elección do tipo de actividades a desenvolver, como na súa posta en práctica e no seu financiamento”.
Ademais, búscase a participación activa dos/as veciños/as na actividade deportiva, que ten un claro interese público, como medio de promover a formación dos máis novos/as e de propiciar a convivencia entre os veciños e veciñas; así como poñer a disposición do Concello información completa e actualizada das asociacións sen ánimo de lucro do municipio, co fin de promover unha relación fluída cas mesmas e posibilitar o deseño de políticas eficaces que permitan dinamizar a actividade dos particulares que resulte complementaria das competencias municipais.
Asociacións e clubs beneficiados
As entidades que se beneficiaron da concesión destas axudas son AD Básquet Ames con 6.662,94 euros; AD Val da Mahía con 2.638,35 euros; Ames Atletismo con 6.797,09 euros; Biduído SR con 1.296,81; CB Ames con 1.833,43 euros; Club Atletismo MillaRaio con 7.423,14; Club Atletismo Sar con 3.935,16 euros; Club de patinaxe Sarela 5.273,69 euros; Club deportivo Rutas a Pie con 1.878,14 euros; e o Club de patinaxe artística Omega con 5.947,46 euros.
Por outra banda, reciben subvención o Club TK Denodo con 7.378,42 euros; o CV Bruxas con 3.935,16 euros; a Escola de fútbol sala Trasgos con 3.264,39 euros; a Escola de Karate Dokkodo con 3.040,80 euros; o Fútbol Club Meigas con 5.500,28 euros; o Motoclub Ameixenda con 2.727,78 euros; O4S Rutas Bikes con 894,35 euros; C.C. Os Esfola Arrós con 2.459,47 euros; o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre con 5.231,97 euros e maila Sociedade de Caza e Pesca Azor con 1.878,14 euros.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames distribúe 80.000 euros en axudas a vinte asociacións e clubs deportivos"
Diario de Santiago: "Apróbase a concesión de 80.000 euros en axudas para asociacións e clubs deportivos, en Ames"





