Pestanas principais

Apróbase a adxudicación dos proxectos de construción de dous anfiteatros para a mocidade no Milladoiro e Lapido

Venres, 02 de agosto de 2019

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves, 1 de agosto, a adxudicación das obras de construción de dous anfiteatros para a mocidade en Bertamiráns e O Milladoiro. Os proxectos foron adxudicados a empresa López e Leis S.A. por un importe total de 47.190 euros (23.595 euros cada anfiteatro). Estas actuacións foron escollidas pola mocidade amesá dentro do Proceso de Orzamentos Participativos para a mocidade 2018. Estes espazos, que se poderán dedicar a organizar festas, teatro e cine ao aire libre, executaranse na avenida do Muíño Vello, no Milladoiro, e no lugar de Lapido, preto de Bertamiráns.

Por primeira vez no Concello de Ames a mocidade escolleu que facer cunha partida orzamentaria de 60.000 euros. Esta contía estivo incluída nos Orzamentos Participativos para a mocidade 2018. Un total de 50.000 euros foron destinados á construción de dous anfiteatros, un no Milladoiro e outro no lugar de Lapido, preto de Bertamiráns, para organizar festas, teatro e cine ao aire libre. Os outros 10.000 euros restantes dedicaranse á organización de dous festivais con grupos locais que servirán para inaugurar ditos equipamentos.

O proceso de licitación dos proxectos de construción de ditos anfiteatros vén de rematar coa adxudicación das obras á empresa López e Leis S.A. Finalmente, a oferta da empresa adxudicataria baixo o custo total dos proxectos a 47.190 euros (23.595 euros cada anfiteatro), xa que había reservados 50.000 euros para esta finalidade.
 
No Milladoiro o anfiteatro realizarase na avenida do Muíño Vello, en fronte á nova igrexa deste localidade. Coa execución destas gradas, ademais de dispor dun novo espazo aberto, habilitase unha nova entrada para a zona verde que está nos arredores do IES Milladoiro e da zona deportiva desta localidade. No caso do Milladoiro aproveitarase o xabre que existe en dita zona para realizar o escenario. Tamén se plantarán árbores para proporcionar sombra a dito espazo.  

Por outra banda, o anfiteatro de Lapido construirase preto da pista polideportiva que existe neste lugar. A propia pista polideportiva servirá como escenario do anfiteatro. Neste caso, este novo espazo, tamén servirá de porta de entrada a unha zona verde boscosa que estará próxima a dito anfiteatro. Para construír os dous equipamentos empregáranse pezas prefabricadas en forma de “L” de 5 metros de lonxitude (de 40 por 90), que van apoiadas sobre muros de gabión.

Aforo para 60 persoas
Os dous anfiteatros están deseñados para albergar unhas 60 persoas aproximadamente. As gradas do Milladoiro poderían ser ampliadas no futuro ata practicamente dobrar o aforo, mentres que en Lapido a capacidade de ampliación é máis reducida debido a falta de espazo. Ambos espazos cumpren a normativa en materia de accesibilidade.

A concelleira de Economía e responsable do departamento de Contratación, Genma Otero, afirma que “damos por rematado o proceso de licitación para a construción de dous anfiteatros para a mocidade. É a primeira vez que a mocidade escolle unhas actuación con dotación orzamentaria, polo que é un feito que marcará un punto de inflexión”. Ademais, explicou que ao tratarse de instalacións feitas con pezas prefabricadas “a idea é seguir ampliando estes espazos, se fose necesario de cara ao futuro, xa que son instalacións con capacidade de ampliarse. En todo caso, traballaremos da man da mocidade en cada actuación que se realice nestes espazos”.
 
Por último, cómpre lembrar que o pasado 22 de xullo os mozos e mozas que integran a Comisión de Orzamentos Participativos mantiveron unha nova xuntanza. Nela, analizáronse os proxectos votados no seu día, destinados á construción de ditos anfiteatros e acordouse a realización de dous festivais con grupos locais que servirán para inaugurar ditos equipamentos. Na actualidade, xa están traballando no deseño do festival de música.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Apróbase a adxudicación para a construcción dun anfiteatro para a mocidade en Lapido"

La Voz de Galicia: "Los auditorios de O Milladoiro y Lapido, con 60 asientos en cada grada, costarán 47.000 euros"

Imaxe do proxecto do anfiteatro de Lapido

Multimedia

  • Imaxe do proxecto do anfiteatro do Milladoiro