Pestanas principais

Apróbase a adxudicación do servizo de asistencia técnica para a redacción da Axenda Urbana 2030 por 49.000 euros

Sábado, 06 de xaneiro de 2024

A Xunta de Goberno Local de Ames aprobou o pasado 1 de decembro a adxudicación do servizo de asistencia técnica para a redacción da Axenda Urbana por un importe de 48.599,54 euros. Neste proxecto tamén se inclúe o deseño e implantación do sistema de seguimento e avaliación, así como o plan de comunicación. Foi adxudicado á empresa Estrategia y Organización SA.

A Axenda urbana e rural para o concello de Ames é necesaria para dar resposta aos compromisos das entidades locais cos ODS da Axenda 2030 e, máis concretamente, co ODS 11 – Cidades e comunidades sustentables. Nese senso, búscase definir un Plan estratéxico de acción local (PEAL) para Ames que permita implementar no concello o modelo da Axenda Urbana Española e que identifique e defina os principais retos e proxectos estratéxicos do concello.

A elaboración da Axenda urbana consta de catro fases: diagnose, definición do marco estratéxico, elaboración do plan de acción (PEAL) e seguimento e avaliación. A primeira desas etapas, a de diagnose, xa foi obxecto de contratación no ano 2022. Unha vez completada, corresponde agora continuar coas seguintes fases do proceso.

Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do servizo de asistencia técnica para levar a cabo distintos procesos: a definición do marco estratéxico da axenda, a elaboración do PEAL, o deseño e implantación do sistema de avaliación e a elaboración dun plan de comunicación (abarcando soporte, seguimento das actuacións, e estratexia específica en materia de información, publicidade e comunicación). O proxecto foi adxudicado á empresa Estrategia y Organización SL por 48.599,54 € (40.164,91 € da oferta e 8.434,63 € correspondentes ao 21% de IVE).

O alcalde de Ames e responsable da área da Axenda Urbana 2030, Blas García, mostrouse “satisfeito polo avance na redacción deste documento, vital para marcar as directrices do Ames do futuro. Queremos que participen todos os grupos e que esta axenda sexa froito do consenso pleno da Corporación, que representa a toda a veciñanza de Ames”

Fase de análise e diagnose
A primeira fase da elaboración da Axenda Urbana 2030, a de análise e diagnóstico, foi presentada en decembro de 2022, e pódese consultar premendo nesta ligazón. Está dividida en 10 apartados que a súa vez teñen varios retos. No apartado de territorio, paisaxe e biodiversidade abórdase a necesidade de adoptar un modelo territorial asumido polo conxunto de administracións que interveñen na área urbana; a revitalización do espazo rural que implique a súa reactivación produtiva, dinamización social e posta en valor do patrimonio cultural e natural; e maila necesidade de favorecer a conectividade ambiental do conxunto da área urbana, mediante unha rexeneración ambiental que teña ao río Sar como eixo estruturador.

No segundo apartado faise referencia ao modelo urbano e existen cinco retos: necesidade de establecer unha malla territorial, que integre en rede os núcleos urbanos, os crecementos suburbanos, os núcleos rurais e os principais equipamentos e servizos; necesidade de revisar as dotacións existentes e previstas e a súa distribución territorial con criterios de cidade de proximidade; posibilidade de resolver os bordes urbanos inacabados ou inconexos co río Sar como nexo de unión; posibilidade de establecer redes de percorridos peonís, que configuren tamén percorridos comerciais, que conecten O Milladoiro e Bertamiráns, e Brión e Santiago en clave supramunicipal; e necesidade de impedir o incremento da dispersión poboacional, aumentando a densidade e compacidade dos núcleos periféricos.

Apróbase a adxudicación do servizo de asistencia técnica para a redacción da Axenda Urbana 2030 por 49.000 euros