Pestanas principais

Apróbase a adxudicación das obras de mellora das beirarrúas da Avenida da Maía por case 300.000 euros

Luns, 11 de decembro de 2023

A Xunta de Goberno Local de Ames aprobou o pasado 23 de novembro a adxudicación das obras de mellora das beirarrúas da Avenida da Maía por un importe de 298.144,00 euros. O proxecto contempla a mellora estética e funcional das beirarrúas, incrementando o espazo para uso dos peóns. Estas actuacións completaranse coa colocación de baldosa de formigón e coa inclusión de bordos de formigón como elementos de separación co viario. O proxecto foi adxudicado á empresa BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas SL.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, avanza na ampliación das beirarrúas na Avenida da Maía co obxectivo de continuar o traballo de humanización da principal arteria de Bertamiráns. Para executar estas obras asinouse un convenio entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña. Deste xeito, a entidade provincial achega o 80% do financiamento do proxecto (240.964 euros) e a Administración local o 20% restante (60.241 euros). O pasado 23 de novembro aprobouse a adxudicación do proxecto á empresa BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas SL, por un importe de 298.144,00 € (246.400€ da oferta e 51.744€ correspondentes ao 21% de IVE).

Accións previstas
Actualmente as beirarrúas de ambos marxes da avenida da Maía presentan un estado deficiente e heteroxéneo como consecuencia das distintas intervencións realizadas, así como do uso da maquinaria de limpeza viaria que, debido ao peso e ao uso habitual, ocasionan danos. Existen, ademais, numerosas arquetas e pozos de rexistro que, nalgún dos casos, se atopan deteriorados.

Por este motivo, as actuacións previstas neste proxecto están orientadas non só a conseguir unha mellora estética e funcional, senón tamén a incrementar o espazo público empregado polos peóns nesta avenida. Ademais das beirarrúas, colocarase baldosa de formigón vibrado e unha capa de xabre. Como elementos de separación co viario incluiranse tamén bordos de formigón prefabricado e as súas respectivas cunetas.

Os vaos para vehículos ao seu paso polas beirarrúas resolveranse coa colocación dun pavimento de 20 centímetros de formigón, impreso con malla electrosoldada e fibra de nailon, sobre unha capa de 10 centímetros de xabre. O acabado superficial resultante simulará o corte da baldosa de granalla.

Pola súa banda, nos pasos de peóns disporase de pavimento táctil direccional e de botóns segundo o disposto na normativa de accesibilidade vixente.

Ampliación do espazo peonil
Esta ampliación require da reposición de 9 arquetas con sumidoiros, a colocación de 3 novas, a adaptación á nova rasante de 7 pozos de rexistro e o retranqueo de 9 luminarias. Así mesmo, tamén se contempla a reposición da canalización da iluminación pública a base de tubo de polipropileno.

O mobiliario urbano consistirá nunhas xardineiras de fundición rectangulares, para a plantación de arbustos ornamentais e plantas aromáticas, e outras de fundición esféricas,  para a plantación de árbores de sombra. Tamén se disporán 4 bancos de formigón con asento e respaldo de madeira e unha varanda de aceiro inoxidable para a contención de peóns.

As actuacións completaranse coa reposición da sinalización horizontal afectada e a limpeza do pavimento que se vai manter nos treitos de beirarrúa no que se actúa.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Nueva fase de humanización para Bertamiráns con aceras más anchas en su avenida"

La Voz de Galicia: "Concluida la almendra de Bertamiráns, ahora le toca a las aceras"

Ames Go: "300.000 euros para a mellora das beirarrúas da Avenida da Maía"

Lindeiros: "Alumeado en Boqueixón e beirarrúas en Ames"

Imaxe da Avenida da Mahía