Pestanas principais

Apróbase a adxudicación das obras de ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro por 265.000 euros

Luns, 30 de outubro de 2023

A Xunta de Goberno Local de Ames vén de aprobar, o pasado 19 de outubro, a adxudicación das obras de ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro. O proxecto foi adxudicado á empresa Nature Infraestruturas e Servizos SL por importe de 264.869 euros. O proxecto, que forma parte do POS + 2022 da Deputación da Coruña, contempla a ampliación do espazo para construír novas salas de actividades, a habilitación dunha sala de lactancia, a creación dunha comunicación máis directa dende a beirarrúa ata o escenario do auditorio e diversas melloras na zona da cafetaría (aseos e almacén propios, ampliación da terraza e construción dun vestíbulo).

O núcleo do Milladoiro vai gozar dunha ampliación do edificio da Casa da Cultura, tras a aprobación da adxudicación do proxecto pola Xunta de Goberno Local o pasado xoves 19 de outubro. As obran contan cun orzamento de 264.869 euros, incluídos no plan POS + 2022, e foron adxudicadas á empresa Nature Infraestruturas e Servizos SL. Con estas obras estase a responder a unha demanda da veciñanza amesá. O Concello de Ames amosa sempre o seu compromiso coa cultura e coas instalacións culturais.   

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, indica que “se trata dunha obra moi necesaria xa que a Casa da Cultura do Milladoiro acolle numerosas actividades diariamente. É necesario acondicionar e ampliar os locais existentes para, na medida do posible, dotarnos de novos espazos, xa que os que temos actualmente están moi demandados. Con estas obras construíranse novas salas de actividades, habilitarase unha sala de lactancia e executaranse diversas melloras na zona da cafetaría”.

O proxecto de ampliación recolle que a demanda de actividades do centro supera as posibilidades do mesmo, polo que debe ampliarse o edificio co fin de cubrir as necesidades existentes. Así, contémplase construír novas estancias para actividades, a habilitación dunha sala de lactancia, a creación dunha comunicación máis directa dende a beirarrúa ata o escenario e diversas melloras na zona da cafetaría (aseos e almacén propios, ampliación da terraza e construción dun vestíbulo).

Na planta baixa da Casa da Cultura xerarase un espazo de 44 metros cadrados que se dividirá en dúas aulas: unha de 25,15 metros cadrados e outra de 19 metros cadrados. As estancias complementarán así as aulas xa existentes en dita planta. A fachada dos dous espazos estará conformada por carpintería de aluminio e vidro, mentres que as baldosas do chan serán de terrazo similar ao xa existente. Para as paredes empregarase pintura plástica con textura lisa e acabado mate, en colores suaves. Non se modificará o falso teito xa existente.

No soportal lateral ao corpo da cafetaría construiranse uns aseos e un almacén, xunto cun vestíbulo que sirva á saída de emerxencia do salón de actos (de arredor duns 46,50 metros cadrados). Deste xeito, o funcionamento da cafetaría será independente ao do resto do centro. A fachada dos aseos será ventilada, cun acabado con paneis tipo “viroc” ou similares. O chan, ao igual que nas aulas, compoñerase de baldosas de terrazo similar ao xa existente. Por outro lado, o teito será de xeso.

Proponse, ademais, incrementar a obra de pavimentación para articular a saída de emerxencia do auditorio, e ampliar o soportal da cafetaría uns 65 metros cadrados, cunha zona semicuberta cun toldo motorizado de estrutura fixa, para un mellor funcionamento do establecemento. As actuacións na planta baixa complementaranse coa realización dun vestíbulo que ille acusticamente a zona da cafetaría, e coa transformación do gardarroupa nunha sala de lactancia.

Novas relacionadas:

Enfoques: "Ames invertirá 265.000 euros para ampliar la Casa da Cultura de Milladoiro"

Ames Go: "Ampliarán e mellorarán a Casa da Cultura do Milladoiro"

Imaxe de arquivo da Casa da Cultura do Milladoiro