Pestanas principais

Apróbase a adxudicación da senda peonil entre Sisalde e Agro do Muíño

Sábado, 23 de xaneiro de 2021

A Xunta de Goberno Local celebrada o 21 de xaneiro de 2021 vén de adxudicar á empresa Mantido SL a realización das obras da senda peonil que unirá Sisalde e Agro do Muiño, na parroquia de Ortoño. O importe da adxudicación é de 99.601,74 euros (IVE incluído). O proxecto está incluído no POS complementario 2019. A través desta actuación preténdese mellorar a seguridade viaria nun tramo moi utilizado para a práctica do deporte. A senda terá unha lonxitude de 750 metros e unha anchura de 1,80 metros.

Moitas persoas afeccionadas a camiñar ou a correr adoitan facelo por este tramo que une a aldea de Sisalde co lugar de Agro do Muiño, na parroquia de Ortoño. Esta nova senda facilitará a mobilidade peonil e mellorará a seguridade viaria.

Para o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, é importante "mellorar e facilitar a seguridade peonil, especialmente en varios núcleos do rural e zonas que se usan habitualmente para camiñar, como é o caso", e continúa dicindo que "ademais con esta senda se facilitará a comunicación co lugar de Sisalde". García lembra asemade que o POS complementario de 2019 incluíu varias obras de mellora de viarios en Raíces, Tarrío, Ventosa e Sura e a senda Outeiro-Costoia: “coa realización deste tipo de obras, o Goberno de Ames está apostando tamén polo fomento dunha mobilidade sostible, ao tempo que quere ofrecer á veciñanza do rural e as persoas afeccionadas a camiñar ou acorrer unha maior seguridade viaria”.

A nova senda peonil que une Sisalde con Agro do Muiño terá unha lonxitude de 750 metros de lonxitude e unha anchura de 1,80 metros. Na súa construcción utilizaranse quince centímetros de zahorra de canteira e quince de formigón, ademais de mallazo e xuntas de dilatación. Previamente, se é preciso, procederase ao movemento de terras.

Previo a botar o pavimento, contémplase a canalización de tubería de PVC de 315 milímetros de diámetro e maila execución de 26 pozos con sumidoiro para unha correcta recollida de augas pluviais e a canalización dun tubo de polipropileno verde para iluminación pública, todo elo previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma.

Ademais, inicialmente preténdese a construción dun muro de bloques de granito de 120 metros de lonxitude e 1,50 metros de alto, para a contención de terras, coa correspondente varanda metálica de protección. Esta obra tamén contempla a colocación de 220 metros de bordo exterior de formigón prefabricado, en protección de taludes.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Adjudicada la senda del colesterol para Ortoño"

Plano da senda