Pestanas principais

Apróbanse as bases do VIII Certame Literario Concello de Ames

Martes, 08 de marzo de 2011

[08-03-2011] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar as bases do VIII Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía. Nelas regúlanse tanto os premios que se van conceder nas diversas categorías como os requisitos esixidos para participar no concurso ou a composición do xurado. Como nas edicións anteriores, poderá participar no concurso calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega. Estes textos deberán presentarse antes do 14 de abril. Os gañadores coñeceranse o 13 de maio de 2011 e os premios entregaranse o 17 de maio de 2011 nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

Despois de examinar detidamente cada un dos puntos, a Xunta de Goberno local, aprobou as bases redactadas para o VIII Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía. Todas aquelas persoas que desexen participar, poden comezar xa a debuxar na súa mente a que será a historia que presenten ao certame, tendo de prazo para remitilo ao concello ata o 14 de abril.

O Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía é xa un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen medir a súa capacidade para escribir e os límites da súa imaxinación. Ao igual que nas anteriores edicións, son tres as categorías existentes en cada modalidade do certame. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces de 14 a 18 anos e a terceira ás persoas de máis 18 anos. Haberá tres premios en metálico por cada unha das categorías (narrativa e poesía) en todas as modalidades. En total, repartiranse 2.220 euros en premios.

Requisitos para participar

A extensión mínima para as composicións será de dúas páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía. En canto á extensión máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. Os participantes só poderán presentar un traballo en cada unha das modalidades, enviando catro copias do mesmo.

O tema da historia que se envíe a concurso é libre, e o único requisito para participar no certame é presentar textos inéditos escritos en lingua galega. Ademais, para garantir o anonimato nos textos non poden aparecer os datos persoais do autor nin a súa sinatura.

Así, nas catro copias da composición que envíen deberán constar a modalidade na que participa, a categoría e o pseudónimo do autor. Os datos persoais introduciranse nun sobre pechado no que, por fóra, figuren de novo modalidade categoría e pseudónimo. Por último, o sobre cos datos persoais e as catro copias introduciranse noutro sobre indicando de novo os mesmos datos de modalidade, categoría e pseudónimo.

Os textos deben remitirse antes do 14 de abril de 2011 ao enderezo concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística). Avda. de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.

En canto ao xurado, estará formado por tres membros de recoñecido prestixio dentro do mundo da cultura e por un secretario, con voz e sen voto, representante do concello de Ames. Un dos membros do xurado designarao a Asociación de Escritores en Lingua Galega e os outros dous serán designados polo propio Concello de Ames. A súa composición farase pública con anticipación á emisión do ditame.

Os gañadores do certame coñeceranse o día 13 de maio, entregándose os premios o 17 de maio, nun acto público que se levará a cabo na Casa da Cultura do Milladoiro.

O Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autor e compensando os autores ou autoras con tres exemplares do volume que se edite.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "O Concello de Ames aproba as bases do oitavo certame literario de poesía e narrativa"
El Correo Gallego: "Ames publicita las normas de su cita literaria"